Entrevista | Julián Hernández
10 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Transportes Hernández y Sanjurjo é, ante todo, un proxecto tabernícola que xurde cando Julián Hernández, líder dos incombustibles Siniestro Total, decide levar a tugurios de pequeno aforo a súa verborrea nocturna e aleivosa. Xunto ao acordeón do ex diplomático Rómulo Sanjurjo, fai música de, por e para a barra, hábitat natural onde se manexa esta acústica parella de feito. Repiten en La Reserva de Carballo, onde presentan o seu segundo traballo, Vista Alegre , un álbum que cheira a húmido e autóctono serrín mesturado co fume blusero dun Colt 45. -O primeiro elepé produciuno Reverendo, e este, vos solos. ¿Cales son as diferenzas fundamentais entre ambos? -Este é un álbum feito con toda a calma do mundo por dous ghichos en Vista Alegre, que lle da título ao disco e resulta irónico e de humor negro, xa que o nome e os contidos son contraditorios. As anteriores cancións, producidas por Don Ángel El Reverendo, foron gravadas a la caída e compoñen unha sorte de mini elepé. Este xa ten doce temas e os cortes, aínda que tiñamos algunhas ideas claras, foron compostos e gravados ao mesmo tempo. Tamén hai partes máis experimentais e, nese sentido, resultou máis psicodélico que o anterior. -Deseño coidado e traxes maculados. ¿Como fan para lavalos con semellante capa de pintura sen que as cores pasen a peor vida? -Temos que andar con tino e lavalos en seco. A idea foi de Jorge Cabezas, que os deseñou para saír no programa de Javier Rioyo, pero co disco avanzado falamos con Ricky Dávila e fixo as fotos de dous fulanos vestidos de traxe artístico: arte galego con patas. -Fala do sexo como unha das Belas Artes. ¿Poderíalle recomendar á parroquia algún formato ou técnica? -Home, non sei (risos). Dicía Woody Allen que o sexo consentido entre dous adultos é estupendo, pero que entre cinco é xenial. Os formatos son válidos en múltiples e infinitos (sic). -Josele e Pablo, Bunbury e Vegas, Cristina e Fino... -E Ortega y Gasset, si... -E ese formato, valga repetición, ¿fai todo un pouco máis sinxelo? -Pode ser máis áxil para moverse e facer cousas en outro tipo de locais e situacións. Agora converteuse nunha referencia, pero nós levámolo facendo dende fai seis anos, tanto en Galicia como fóra, como cando fixemos a Gira Cochinillo por Castela. É verdade que con este disco hai máis rollo mediático, tal vez pola falta de noticias do mundo da música. Por ese motivo, estamos aquí de corpo presente. -Queres dicir que non fichou a Rómulo para repartir as horas de condución... -Non, non. Pero é certo que axuda.