O poeta do mar

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

08 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O mar é sempre mar, e o de Fisterra é o máis de todos». Foi a autora portuguesa Wanda Ramos, falecida hai uns anos, quen deixou escrita esta sentenza naquela novela súa denominada Litoral-Ara Solis e ambientada «nese escenario fantasmagórico que está agardando polo último naufraxio» e do que ela se namorou coma lle ten sucedido a moitos outros que non saben ignorar aquel promontorio cheo de misterios. Fisterra ten o único museo de pesca e do mar da Costa da Morte. E aínda bo é. Non hai máis. Unha contrariedade coma moitas outras neste mundo nada lóxico e que ten a teima de querer darlle as costas á realidade. É unha mágoa, pero a nosa bisbarra vai agochando no esquecemento os tesouros cobrados no reino de Atlas. E non é casualidade que o confín galaico teña o único lugar onde se amose unha pequena aproximación ao que ten sido a vida mariñeira. E tampouco o é que ao fronte desa misión estea un poeta que vive o mar real e máis o que se foi, as aventuras e desventuras e os soños dun pescador dos de verdade. Alexandre Nerium ten o cofre co tesouro das palabras nacidas do océano. Sábeas nomear coma ninguén. Manolo define á propia Fisterra. É ese elemento esencial que a historia vai repetindo para engrandecer un mito que non ten principio nin fin. Alimentou a súa alma de mariñeiro e de poeta co salitre do Mar de Fóra e máis nas ondas que dan a diario contra o Corbeiro. Alexandre Nerium é o poeta do mar, o bardo do infindo que fai chegar a súa mensaxe dunha forma nidia a todos aqueles que queren achegarse ao significado do que é vivir e morrer enriba ou debaixo das ondas. O Castelo de San Carlos xa non está para defender a ría, pero sí para defender a memoria da patria dos mariñeiros. Homes e mulleres de ferro que se foron indo para sempre enleados nos miños dos tempos.