«Aínda existe a mentalidade de ir a todas partes co coche»

Cris Souto CARBALLO

CARBALLO

Entrevista | Mar Chao López DIRECTORA XERAL DE TRANSPORTES A nova responsable autonómica destaca o papel do Noitebús para reducir a siniestralidade e avoga por un transporte público de calidade e accesible para todos

28 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Mar Chao, que aterrou na Dirección Xeral de Transportes fai menos dun mes en substitución de José Carlos Baños, xa é unha convencida dos beneficios do Noitebús e non descarta a ampliación deste servizo coa colaboración dos concellos, tal e como revelou en Radio Voz Bergantiños. -¿Que tal é a aceptación deste novo servizo? -Faremos unha valoración así que remate a campaña do Nadal, pero os resultados da pasada fin de semana atópanse dentro das nosas expectativas. Esta iniciativa é outro paso máis na experimentación desta alternativa de transporte sostible para os nosos mozos. Todos escoitamos cada fin de semana que hai accidentes de tráfico e por iso desde a Dirección Xeral de Transportes plantexamos esta idea dentro do plano de seguridade galega que presentou a conselleira recentemente. O que pretendemos é mellorar as cifras de siniestralidade e que a nosa xuventude teña alternativas para compatibilizar a diversión co desprazamento sen que o cóctel explosivo bebida e condución produza máis mortes. Coidamos que é unha iniciativa que ten que lograr a máxima difusión entre os nosos mozos para que saiban que por un euro cincuenta poden desprazarse, neste caso, desde a bisbarra de Bergantiños ata A Coruña e demais. -Aínda que o servizo está dirixido aos mozos, non se pide carné. ¿As persoas maiores tamén poden empregalo? -Si, si. En principio, a meirande parte do público obxectivo, a priori, deberían ser os mozos, pero calquera pode subir. -Na campaña do Nadal ampliouse de xeito notable o número de liñas, incluíndo a que une Carballo con A Coruña pasando por A Laracha, que demandaban os políticos, os hostaleiros e os clientes. ¿Que criterios se seguen para deseñar as rutas? -O deseño fíxose falando cos operadores e tendo en conta tamén as que, a priori, parecían as áreas de máximo desprazamento de poboación nestas datas. Como dixen é unha iniciativa piloto e do que se trata é de facer pequenas probas para ver como resulta. Agora fixemos un esforzo moi forte desde a Consellería para intentar ofrecer moitas máis liñas das que había no verán e, de feito, cuadriplicamos a cifra. -¿Acostumamos os galegos a empregar o transporte público ou é algo que aínda se nos resiste? -Eu coido que temos un traballo que facer de sensibilización no emprego deste transporte. Aínda existe a mentalidade de querer chegar a todas partes co noso coche particular, se podemos ata a porta do establecemento para meter os regalos. Temos que ir cambiando pouco a pouco e ofrecendo un transporte público de calidade e que sexa accesible para todos os cidadáns. -Xa xurdiron voces, como os hostaleiros da Laracha ou o propio Concello, solicitando que o servizo do Noitebús sexa permanente. -Estamos a estudalo, pero compre dicir que foi á Consellería de Política Territorial a que levou ata agora a voz cantante ela soa, pero para facer un proxecto para todos os fins de semana do ano compre procurar o apoio dos concellos. Analizarémolo ao rematar a campaña do Noitebús Nadal.