ARA SOLIS | O |

27 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

FAI UN tempo, cando un sufría un apagón na casa, chamaba a Fenosa, pasábano con avarías, tomaban nota e enviaban a alguén. Tardaban máis ou menos en arranxar o problema, pero tampouco poñían pegas. Agora a cousa cambiou, seguramente en aras dunha mellor atención ao cliente e dunha maior celeridade e calidade no servizo. Resulta que agora un chama, cabreado, claro, porque non ten luz, e o primeiro que lle piden é quen é o titular do contrato. -Mire, non o sei, este é un piso alugado por unha axencia e non o sei, pero pódolle asegurar que estou sen luz e se quere doulle o meu nome. -Así no podemos ayudarle. Necesitamos saber quién es el titular del contrato. -Insisto en que o meu problema non é que non saiba quen é ese titular, senón que non teño luz. -Es que no podemos hacer nada sin el nombre. -Aínda que o tivese non o podería ler, non teño luz. -¿No es usted el titular del contrato? -Non, pero mire. É que toda a rúa está sen luz, tamén as farolas. -Pero sin el nombre de los titulares no podemos hacer nada. -Supoño que o das farolas ha de ser o Concello. -¿Me puede facilitar el NIF del titular al menos? -Fagamos unha cousa, eu procuro buscar o nome do titular se vostede arranxa o da luz primeiro. É unha situación que se repite día tras día. Algo así como se vostede ten un accidente de coche e os servizos de emerxencia non o poden axudar porque non é vostede o titular do vehículo, ou como se pide comida a domicilio pero non lla entregan porque non é vostede o dono da casa. A empresa debería traballar para arranxar eses problemas que se suceden con demasiada frecuencia con celeridade, non para facerlle a vida imposible a quen, por riba, se queda sen luz.