NOVOS TEMPOS | O |
21 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O NADAL é unha das celebracións de carácter máis universal. Podemos darlle un sentido máis ou menos relixioso, ou simplemente laico. A súa orixe está na celebración do solsticio de inverno. Remata o ano, comeza un novo ciclo. Poñámoslle o matiz que lle poñamos sempre supuxo encontro familiar. Ese ambiente era compartido por toda a comunidade. Cando os rapaces e rapazas de Baldomir ou do Xestal (en Montemaior, A Laracha) percorrían as casas da Copia botándolle unhas panxoliñas, unían os sentimentos compartidos dunha comunidade nun momento de lecer e relaxo. Un prato predominaba nas mesas da Noiteboa: o bacallao con coliflor. Comentándoo con outros amigos (todos de familia orixinaria do interior), deunos por pensar (inxenuamente, claro) que era comida dos tempos de antes, de probes. Viámoslle máis status ao marisco. No fondo, tratábase do choque entre o mar («alleo») e a montaña. Supoño que a xente de Razo, Baldaio e arredores non pensarían o mesmo. O dilema dábase entre o que un produce, ou ten integrado nos seus circuítos habituais de comercio, e o que é de fóra. Sería bo saber manter o de sempre incorporándolle o novo, se nos enriquece. Cando vimos como dous destacados políticos do país degustaban grelos con pescada quedamos todos un pouco esparavanados (polo inusitado do encontro e polo menú escollido). Se todos foramos quen de, cada un desde a súa tradición, sentármonos a «probar» novas maneiras de combinar os produtos da nosa terra, habiamos de avanzar moito máis sen por iso perder os nosos sinais de identidade. Felices festas a todas e todos. E bon proveito.