ARA SOLIS | O |

20 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI UN tempo, non moi lonxano, a xente saía das súas casas cando se anunciaba a chagada dun político. Hai dúas décadas os veciños enchían os polideportivos e escoitaban con sede as propostas de futuro, os plans políticos para artellar o país. Pero iso foi cambiando. Agora, cando un alto cargo dalgunha Administración se deixa caer por aquí xa sabe que os veciños van seguir ao seu e que, como moito, terá que encarar algunha que outra frase maliciosa do viandante a quen lle coincida o que, en argot para altas personalidades, chámase descoche, precioso verbo con reminiscencias de champán que fan pensar no señor ou señora saíndo disparado do vehículo seguindo unha nube de burbullas. «Vai traballar» ou «Manda cartos e queda na casa» poden ser clásicos adicados. O que acontece é que despois de casi tres décadas de democracia a xente deuse conta de que a vida segue igual. A única vida que cambia significativamente gracias á política é a dos que apañan cargo. Os demais saben que seguirán a cobrar igual, que o banco vailles pedir o mesmo pola hipoteca e que, máis ou menos, van ter que esperar seis meses para ser atendidos nun hospital. Por iso a xente xa non vai a velos. Os políticos cambiaron de estratexia. Os baños de masas agora son a base de levar unha cla. De pagarlle o bus e a comida aos paisanos e de moito rogarlles o favor. As presentacións de plans estratéxicos, de proxectos, de promesas, de accións estructurais van pola mesa línea. Aburren. O paciente está farto de que lle presenten recetas e máis receitas milagreiras. O que precisa é que alguén lle vaia con remedios, e iso non se estila moito. Por iso cada vez que algún político presenta algo ten que chamar aos seus para encher o aforo dos auditorios e que non sone a oco nas fotos. Se non, semella que fala para as paredes.