O Concello de Vimianzo di que «é único» e «feito para ti»

La Voz S. G. | CARBALLO

CARBALLO

Crónica | Iniciativas A alcaldía mandoulle a cada casa do municipio, e tamén aos emigrantes, unha revista promocional e informativa, e un calendario con fotos de cada unha das catorce parroquias

11 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

? Concello de Vimianzo dase a coñecer... entre os seus. De momento, por medio de dúas iniciativas moi xenerosas de cor. Van xuntas e están chegando a cada unha das casas dos veciños, e á práctica totalidade dos emigrantes, por correo. A primeira é un calendario do 2007. Titúlase Vimianzo único . Cada mes leva varias fotos do máis salientable de cada parroquia. Xaneiro, por exemplo, está referido a Vimianzo, e a maior imaxe correspóndelle ao castelo. As pequenas son para o pazo de Trasariz, e ¡o parque eólico! Febreiro é de Serramo. O dolmen de Pedra Moura ocupa a foto máis salientable, e as outras son as do monte Perdido e as da praza. O patrimonio megalítico, sae, en xeral, bastante favorecido. A imaxe referencial é, naturalmente, a dos Penedos de Pasarela. Pero, ¡mira que hai siluetas e contornos fermosos nesa zona!, e a escollida non lle fai as honras a unhas das zonas máis fermosas da Costa da Morte. Quen non coñeza o lugar pensará que puxeron un croio rodeado de pinos sen razón aparente. Tamén figura o Coído da Señora, a breve saída ao mar municipal. Merece destacarse a foto do embalse de Fervenza en Baíñas, un patrimonio paisaxístico case sempre esquecido, e chaman a atención os prados escollidos para Berdoias ou Ogas. En xeral, é un bo traballo fotográfico. A revista dará máis que falar, porque o calendario toca mirar para el durante todo o ano. Vimianzo, fixémolo para ti , así se chama a publicación. Tras as primeiras páxinas cos teléfonos de interese, as festas que hai en cada parroquia ou a carta do alcalde, Alejandro Rodríguez -«estamos orgullosos de que Vimianzo sexa un dos concellos rurais de Galicia mellor dotados de infraestruturas e servizos para a súa poboación», di o rexedor-, aparecen unha escolma de datos sobre os lugares, con fotos identificativas de cada un deles. Da metade para diante, as seccións: Cultura para todos (donde participar, actividades, alternativas, ocio e tempo libre...), Deporte para todos (ti tamén podes participar ), Os mellores servizos sociais ( atención primaria e avanzada, personalizada, ocio e diversión para todos) e Actividade económica (loitar contra o paro e programas con futuro). Cada unha destas seccións aparece convintemente ilustrada con multitude de imaxes, a meirande parte das numerosas actividades levadas a cabo nos últimos meses, ou dos servizos dispoñibles, como a vivenda comunitaria, o centro de día, o xantar dos maiores, os talleres ou as alternativas para o emprego.