Entrevista | Baldomero Cores Trasmonte O Concello de Cee recoñece hoxe coa entrega da medalla Fernando Blanco a labor dun dos veciños más salientables
05 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A medalla Fernando Blanco que cada ano concede o Concello de Cee como recoñecemento a unha persoa polo seu labor a prol do pobo recae este ano no xurista Baldomero Cores Trasmonte. Como cronista oficial de Cee exerce dende 1955, pero o seu currículo e moito máis longo. Da súa defensa da comarca quedan escritos desde 1951, cando publicaba en La Voz de Galicia unha columna titulada Cosas de Cee y Corcubión . Desde entón foi profesor nas universidades de Santiago e Complutense de Madrid, así como en Puerto Rico, onde pasou 15 anos da súa vida. Volveu de alá para exercer como letrado do Parlamento Galego. Publicou cerca de 50 libros e artigos, entre eles a Historia de Cee. -Eu publicaba en prensa desde 1951, era combativo, saquei moitas cousas da zona e iso axudou a que me deran ese cargo. -E pese a vivir agora en Santiago e durante moitos anos fóra de España, nunca se esqueceu desta zona. -Sempre me mantiven unido. Había, ademais, un vínculo inevitable. Os meus pais tiñan un hotel en Santiago e por alí pasaba toda a Costa da Morte. Aquilo era como un gabinete de etnografía. Naquela época editei unha revista, que se imprimía en Betanzos, titulada Nemancos hacia el Finisterra. -Ademais do traballo xornalístico, tamén editou libros sobre a comarca. -Teño a Historia de Cee, pero incluso nos libros académicos non me esquezo da Costa da Morte. Así, mentres estiven en Puerto Rico colaborei en varias revistas nas que publiquei artigos sobre o «fisterrismo». Nos mes libros, sempre que aparecía un exemplo, era da Costa da Morte. -¿Como xurdiu a estancia en Puerto Rico? -Eu estaba en Santiago e estaba ben, pero tiña uns amigos que me insistían para que fóra. Estando un día, no Nadal, en Cee, chamáronme e quedei con eles para cear e acabei aceptando. Marchei para tres meses e quedei 15 anos. -E cando un xa está adaptado a un novo país, ¿como se prantexa a viaxe de volta? -Saíu convocada a oposición de letrado do Parlamento Galego, presenteime e saquei a praza. -Nese posto pasou por momentos decisivos na historia recente de Galicia. ¿Nunca se animou a contar anécdotas daquelo? -Non, foron tamén 15 anos importantes, algo que tomei como propio. Do Parlamento teño escrito bastante. Publiquei Viaxe ao Parlamento de Galicia, unha obra que se difundiu moito. Tamén un libro ilustrado por Siro López. Teño outro máis sobre o Estatuto e un más sobre Dereito Económico de Galicia que foi o primeiro na materia. -¿Como lle senta que os seus veciños recoñezan o seu mérito coa medalla Fernando Blanco? -Eu nunca pensei nestas cousas, pero é algo afectivo que acolles con agarimo. Estou contento. -E volvendo a Cee, ¿con que parte da historia da vila que tan ben coñece se queda? -Eu coñezo máis desde o século XIX, pero para min a Idade Media é o máis bonito que hai. Nótase un desenrolo que empeza, certa rebeldía, un movemento económico. -¿Como ve o presente? -Cando chegou o hospital xa dixen que ía ser un factor de desenrolo. Tiña que ir acompañado dun desenrolo cultural, e ese é o esforzo que temos que facer, se nos imos anticipando, podemos modelar a historia futura.