Xubilado

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

27 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A NOSA bisbarra faise vella. Os novos déixannos para buscar mellores nóminas e vanse na procura de cartos. E quedan os xubilados. Case son maioría e cambioulles tanto a vida que, ás veces, dan envexa. Tempo para durmir, para descansar, para gozar da amizade, para facer profundos seguimentos de obras nas rúas, en fin, con tempo para facer tempo. Uns seguen a traballar como fixeron toda a vida, outros xogan ao tute nos bares e tamén van aos bailes dos domingos. Hainos que pasean fachendosos no seu Mercedes ou no seu microcar Aixam. Teño un amigo xubilado que foi condutor de autobús e conta coma nos seus bos tempos cabalgaba co Comet polas estradas galegas e mías polas da Meseta coma un cowboy polos chans de Arizona. Viaxaba a Fátima, a Lisboa e Porto e traía boas cargas de café. Gañaba máis cartos cos paquetes que coa viaxe. Na fronteira agochaba aos nenos no maleteiro. De Andorra traía aparatos de radio e máis máquinas de fotos, cando ás cámaras aínda se lle chamaban máquinas de retratar. Gañaba bos cartos con elas. De Lourdes traía efectos agochados no falso teito do ómnibus. Era o auténtico xefe da estrada. Baixaba o Guadarrama en punto morto e a pasaxe loaba o ben que andaba o vehículo. Hoxendía pasea as súas tardes nun Mercedes automático, aprende a tocar a guitarra e canta nun coro. De cando e vez sube ao monte no seu quad, pero con xeito, con parsimonia, non é dos que anda a tolear polas pedras nin anda por sitios que non debe. Aínda lle gustan as copas daquel Cointreau que anunciaban na televisión en branco e negro nos anos sesenta. E todas as tardiñas saca o seu can a dar unha volta. Gústalle moito a vida. Aprovéitaa grolo a grolo sen deixar que lle caia ningún. Non pensara sacarlle tanto proveito. «A min aínda me queda moito antes do desguace», advirte.