ARA SOLIS | O |
13 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O PINDO, fonte de fantasías, é un espazo de engado. Os seus bolos de granito exercen unha grande atracción porque agochan misterios milenarios, secretos que nunca poderán ser interpretados. É unha inmensidade de rochas lambidas polo vento e o tempo coa mesma tenrura que unha vaca lambe o seu becerro. Ao Olimpo entrase por carreiros pétreos a rentes dun regato. Mentres un vai subindo polos sendeiros do tempo sucumbe á sorpresa dun territorio invicto á acción humana. Paga ben o esforzo. A recompensa máis grande é a de ir gozando dunha paisaxe que parece pintada por deidades xa esquecidas. Non se sabe ben se o granito de biotita que vai cambiado de cores a medida que o sol camiña cara o occidente é o adorno do mar fero e mortal do Fisterra, unhas veces calmo coma un animal canso e outras bravo coma se o empurrasen forzas do mal, ou é que que o Atlántico lambe os pés do macizo rendido á súa maxestuosidade. O castelo de San Xurxo, unha vítima dunha historia non escrita, levantado entre dos rochedos apréstase a alimentar os misterios deste monte, que ten agochado a perseguidos pola barbarie das guerras. Non hai nada que por ben non se dea neste Olimpo, unha patria de deuses que non tiveron quen lles escribise lendas nin cantares épicos como aqueles outros adorados á beira do Exeo. A catedral pétrea da Moa é unha inmensidade de fermosura natural engaiolante que quixo adornar a fronteira sur da Costa da Morte. Antes van pasando rochas que cambian de cara a cada paso, a cada gota de suor. As moles de granito van xogando aos agochos cos intrusos, que non sempre pagan tanto favor con respecto. E dende o reino de Atlas, mudos, impotentes alá abaixo, aos pés da montaña, non fan máis que renderlle pleitesía. Chegar á Moa é coma conquistar varios chanzos do ceo. Por algo é o noso Olimpo.