Lonxe

ANDRÉS CAAMAÑO

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

19 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

DE TODAS as estampas que se poden recortar camiñando pola Costa da Morte, as mellores son sempre as que se adiviñan entre a choiva. Cadros de escuridade enchidos polo ceo convertido en fol desatado. Case sempre, as imaxes non teñen xente que as complete. Cando un mira, soe estar só, e, por un intre, todo fica parado, e a pertenza ao mundo esvaese dunha forma natural. É máis doce que allearse entre xente, porque, xa se sabe, non hai peor soidade que a que se vive acompañado. Dunha forma estraña, un non pode estar perto do artista, porque a arte contrúese entre a xente e sobre, ou encol, ao baleiro. Cando hai un oco tan grande na paisaxe, unha fuga de persoas que antes as ocuparon, a arte, que é o preludio da vida e da ciencia, deixa de existir para darlle paso á paz dos cemiterios. Cando un aborrece ser home, e pousase onde descansan os ingleses en Camariñas, decátase que os indíxenas que ata antonte ocupaban este casal, labraban aquela leira ou ían a tal fábrica, desapareceron, trasmutados en enormes grúas e cartaces de tal ou cual poderosa inmobiliaria. Os camiños que anchean case á vontade, levan a lugares nos que non vive ninguén. E as casas novas que agroman a escasos ferrados da língua do mar, están ocupadas por novos moradores que non teñen humidade no falar. ¿E os indios?, igual que nos filmes, non puideron competir co cabalo de ferro. Intentaron falar con el, darlle de comer, pero é demasiado voraz. E a paisaxe, encanto imposible de papar, deixa de ser folla en branco sobre a que escribir unha nova historia, para ser lembranza perpetua dos que non están. Trocar agarimos e danos, coñecemento físico e aproximado dos que tiñan que estar aquí, por lembranzas e invocacións telefónicas con destino ás Canarias deixa aos vivos o inxusto papel de pantasmas da lonxanía, manifestándose cada mes co xornal enviado á casa. Xente ao lonxe.