A Pobra rende culto a Valle

Ramón Ares Noal
Moncho Ares RIBEIRA

CARBALLO

CARMELA QUEIJEIRO

Reportaxe | Romaría na Curota A vila barbancesa organizou unha festa no miradoiro dedicado ao autor para rememorar aquela outra que en 1919 lle ofreceron os veciños no mesmo lugar

01 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Din os cronistas que Valle-Inclán probablemente non naceu na Pobra, pero si que elixiu a vila barbancesa incluso para morrer, aínda que finalmente chegou ao final dos seus días en Santiago. Se hoxe levantara a cabeza, seguro que volvería a apostar pola súa Viana del Prior, pois aquí aínda lle profesan unha fidelidade que nin o tempo nin os intereses alleos conseguen apagar. E para proba a romaría que onte tivo por escenario o miradoiro no que se atopa a efixe do autor, na Curota, unha escultura no seu tempo rexeitada en pobos e cidades que hoxe presumen polo feito de que o creador percorrera as súas rúas ou, como agora din, viñese ao mundo nelas. O día de onte foi chuvioso en Barbanza, pero deu unha tregua aos congregados na Curota para reeditar a festa que en 1919 dispensaron os veciños da Pobra a tan ilustre autor. Por aquel entón, sabedores da valía do literato, celebrouse unha romaría da que quedou para a lembranza a imaxe de Valle-Inclán subido a un carro de vacas. Así foi que na cita dominical non faltou este elemento que fora tan característico da paisaxe galega. Ao mediodía, a agrupación de gaitas A Gandaina puxo o ambiente festivo, namentres que nas proximidades, baixo unha carpa, serviuse polbo, carne ao caldeiro e asada e outros manxares propios das romarías. Dada a situación do paraxe, nun monte que é unhas das principais referencias turísticas do Barbanza, non estrañou que entre os participantes no encontro para render culto a Valle houbese franceses e portugueses que se achegaron á zona en excursións e visitas privadas e atoparon a festa de honor a un home que non lle era alleo. A celebración foi organizada pola Asociación de Amigos do Museo Valle-Inclán da Pobra, en colaboración co Concello, e serviu de pistoletazo para abrir os actos que cada outono organizan para realzar a figura do autor de Luces de bohemia . Este ano celebrouse a romaría o primeiro día de outubro, porque en 1919 tamén fora por estas datas, pero en vindeiras edicións preténdese trasladala ao mes de agosto, en plena tempada turística, para que gañe forza e esplendor e asente no programa festeiro da zona.