As pedras das beirarrúas

MANUEL VILAR

CARBALLO

POLÉMICA AO PÉ DA BARCA | O |

18 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A VERDADE é que a resaca das festas da Barca deste ano foi un pouco diferente. A ausencia de iniciativas lúdicas leva ao botellón e ao desmando. Sen embargo, non foi isto o que máis chamou a atención dos xornais na semana seguinte, foron as pedras dunha beirarrúa. Nunca se falou tanto de pedras ultimamente na Costa da Morte. Pero mira por onde unhas pedras gastadas polo paso do tempo e o pisar das xentes, xentes con nome, recoñecido ou non, orixinan un problema e se escoitan declaracións das autoridades reivindicando non sabemos que localismo fronte aos de fóra . ¡Mirade os europeístas! Xa dixen noutra ocasión, por un motivo semellante e cos mesmos protagonistas -o levantamento dun vello lousado nos Pasantes- que as pedras non teñen ningún valor, que o valor dámosllo nós. E isto lévanos á idea da construción do patrimonio cultural. O patrimonio ten un valor cambiante e dinámico e o que antes eran só pedras mañá poden ser bens culturais. Isto faise mediante un proceso de selección e activación do patrimonio. Un grupo de veciños, neste caso de Muxía, estiman que é necesario incorporar unhas beirarrúas ao patrimonio colectivo, porque entenden que esíxeo o valor social que lle dan ás mesmas. E sempre haberá outro grupo que teña un criterio distinto. Os primeiros din que é algo representativo da historia e da comunidade local. Os outros non ven esa relación. E nesta dinámica se toman medidas, por uns e polos outros, para protexer un ben ou non. Se son uns cidadáns (non súbditos) os que din que queren que esas pedras se conserven, será porque as están relacionando con feitos do noso devir como pobo. Porque o patrimonio constrúese por medio de significados, e os obxectos só son simples soportes nos que eses significados collen forma. E como queren seguir vivindo en Muxía non queren que se aniquile o pouco que queda diso, que identifican como algo propio da súa comunidade, e toman conciencia sobre o seu patrimonio, porque este é algo máis que unha escenografía para consumo de turistas. As pedras son pedras, pero ao relacionalas coa memoria dámoslle un valor engadido e pasan a ser algo máis que pedras. É unha cuestión de fondo, non de forma; é unha cuestión de contidos, non do colector. A desestimación do valor patrimonial leva moitas veces parella a súa destrución. Os talibáns non recoñeceron o valor que tiñan os Budas de Bamiyan e optaron polo desprezo e a esnaquización. Entón o mulá Omar dixera: «Non se trata máis que de romper pedras».