Parruliña

FRAN EIRÍS

CARBALLO

PARRULA -ou Parruliña, que é máis cariñoso- é como lle demos en chamar á cadela que cada mañá nos atopamos nas instalacións das Eiroas, no polígono industrial de Bértoa. Non hai nada como erguerse pola mañá cedo e ir facer un pouco exercicio. Nestas andaba eu dende facía xa unhas semanas, e sempre coincidía que me atopaba cunha cadela de cor marrón. Ao principio pensei que sería dalgunha persoa que a sacaba a dar un paseo, porque, ademais, levaba colar. Pero logo me decatei de que non, de que aparecía soa. Ás veces semella que está agardando a que chegue, e nada máis verme, alá vén, como se andivese na procura de compaña. O certo é que fai o mesmo con outras persoas, porque somos uns cantos os que todas as mañás acudimos de forma asidua. Comigo, que adoito ir correr un cachiño, coinciden un par de señoras que van dar o seu paseo matutino e aproveitan as espaldeiras da pista americana para estricar un pouco a columna, que por certo -como non, acabas probando ti tamén-que senta bastante ben. No reducido clube está tamén un home xa maior do que nin sequera sei o nome, pero que todas as mañás sen fallar unha soa me atopo alí. Chega e ponse a dar unhas voltas andando, axudado polo seu bastón, mentres eu fago o mesmo correndo; cando se cansa sentase un cacho, descansa un pouco, e logo volve. Ademais dos xa asiduos, sempre aparece alguén máis: xente que sae camiñar un pouco, outros que van correr ou andar en bicicleta, e tamén os hai que aproveitan para sacar de paseo aos cans, que de paso aproveitan para xogar coa Parruliña. Esta cadeliña, xoguetona onde as haxa, cando me ve soe vir onda min, e cando empezo a correr ponse ben ao meu lado ou ben detrás, correndo comigo e ladrando. Para un cacho, pero logo volve. Débeo facer coa intención de animarme, pensando que así corro máis. E razón non lle falta.