Obras defectuosas

A. MARTÍNEZ

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

08 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTES DÍAS andamos alporizados co tráfico na estrada comarcal da Coruña a Cee. Onte mesmo pola tarde volvía a haber retencións na saída da autoestrada AG-55, e dada a hora, as oito, non parece que esta vez se lles puidera botar a culpa aos obreiros que traballan na mellora do firme en varios tramos da vía. Máis ben semella que se repite a historia de todos os venres do ano a esa hora na que coinciden a saída do traballo e o éxodo dos veciños da zona que viven na Coruña cara as súas localidades de orixe. En fin, que todos facemos o mesmo camiño á mesma hora e que as vías de comunicación que temos non dan para máis. E así estamos, cun parcheo -necesario, por outra banda- que trae de cabeza aos conductores, fartos de tardar ata vinte minutos en chegar de Coristanco ata Carballo. Aínda que digo eu que tampouco é para tanto, e que despois de ter protestado tanto e durante tanto tempo polo mal estado da AC-552 deberiamos estar dando saltos de ledicia polo seu arranxo. Pero tamén digo que despois de tanto esperar, xa vai sendo hora de saber algo sobre a vía de alta capacidade de Carballo a Fisterra, da que tanto se fala e da que tan pouco se sabe desde fai meses. Sobre todo se lembramos que, segundo figuraba no Plan Galicia, esa nova estrada, reconvertida despois en autovía -alomenos de xeito parcial-, tería que estar rematada o ano que vén. Así que, cun pouco de sorte, que a estas alturas xa é para empezar a dubidalo, veremos as primeiras máquinas traballando pola zona nas vésperas das eleccións municipais. E daquela si que haberá tráfico, si que haberá atascos e si que haberá protestas. Porque iso é o que teñen as obras, que a todos nos gusta velas rematadas e poder usalas, pero cando se están a levar a cabo non lles atopamos máis que defectos.