A iniciativa do día
26 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Hoxe clausúrase a Praza dos Libros. E faino cunha curiosa e innovadora iniciativa: pola mañá, cada persoa que se achegue aos postos instalados no xardín municipal a mercar un libro recibirá, ademais, un molete da marca Pan de Carballo. En relación a esta proposta, os 13 establecementos que integran a marca semella que non se poñen de acordo. Por exemplo, mentres que dende o forno Lita considérana unha iniciativa máis, lastrada pola preferencia de moita xente polo pan precociñado, o responsable de Celia cre que é unha idea fenomenal que pode reportar fama e recoñecemento. As panaderías anteriormente mencionadas son dúas das 13 integrantes de Pan de Carballo xunto con Luis Rama, Manolo, Élida Mesejo, Nuria, Razo, Pan Eirín, Flor do Toxo, A Milagrosa, Alfonso, Ana Mesejo e Benigno Andrade. A súa singradura comezou a finais do pasado ano, coa elaboración do regulamento de uso da marca, segundo o cal o Concello posúe a titularidade, mentres que as panaderías deben cumprir requisitos como ter o forno e o punto de venda en Carballo, e elaborar pan de molete. Último paso Máis recentemente, o pasado 10 de xullo, o goberno municipal de Carballo fixo entrega do certificado de entrada no rexistro de uso. A partir do día seguinte comezou a funcionar oficialmente a marca. Dende entón, a totalidade dos establecementos teñen a obriga de utilizar o logotipo en despachos, accesos ás tendas, bolsas e furgonetas de reparto. Neste punto tamén existen pequenas discrepancias. Por un lado, na panadería Lita estiman que os custos derivados do pago do anagrama e da impresión son elevados. Pola súa banda, dende a panadería Celia opinan que os custos son reducidos e asumibles. Como contraprestación, hai unha coincidencia xeral á hora de afirmar que a pertenza á marca tradúcese nun incremento de sona e prestixio, á vez que abre as portas a un maior volume de vendas tamén noutros produtos.