DIÁLOGOS NO MOSQUETÍN | O |
25 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A FAMILIA Batán do Mosquetín leva varios falando sobre da cantidade de visitantes que os veñen ver a este pequeno curruncho da parroquia de Salto. Foi Batanciño o que dixo que polo Faro de Fisterra si que pasa xente. Aos cantís fisterrás xa se achegaron no que vai de ano unhas 50.000 persoas. Intervén Don Batán para reflexionar un pouco dicindo: Moi ben, meu fillo, son milleiros os visitantes de Fisterra o cal me alegra moito. Pero quero saber se quedou naquel fermoso concello algo de riqueza xerada por estes visitantes ou se as visitas foron perda total. Aclaro que se houbese unha axeitada promoción turística os ingresos de euros en Fisterra serían digamos que dun medio millón de euros. Non me estou pasando nada con esta cifra pois sairía soamente da visita ao faro e ao monte do Cabo. É dicir dunha media de dez euros de gasto por persoa. Se no faro houbese unha exposición acompañada cunha proxección e se na porta estivesen tres guías especializados facendo roteiros interpretativos polas Pedras Santas, pois coido que ata me quedei curto no meu cálculo. Interrompe dona Batana, que está moi preocupada polo futuro da Costa da Morte: Vale, de acordo. Hai que facer, hai que promocionar, hai que¿ pero como somos así de abandonados seguimos collendo a maletiña en vez de poñernos no rego para que os euros non fuxan. Poida que máis que abandonados sexamos burros e pasmóns. Resulta que os euros veñen nos petos dos visitantes pero non quedan no noso territorio. Entón é nosa a responsabilidade. Que veñan xa é boa cousa. Non hai que ir chamalos. O problema é que aínda non cobramos polas boas postas de sol e se non ofrecemos unhas alternativas atractivas entón despois de ver como o sol morre no mar soben ao autocar e van xantar a A Coruña ou Santiago. Agora entra Batanciño na conversa para poñerlle esperanza dicindo: Coido que urxe unha política turística para a Costa da Morte e sinto moito ter que afirmar que se somos nós os que comezamos a falar non vamos a ningures. Uns queren que o carteliño sinalizador estea diante dos seus fociños e que non lle poñan ningún ao seu veciño. Entón fai falla unha autoridade, sexa consorcio ou ente xestor, para evitar localismos e minifundismos. Na Dirección Xeral de Turismo disque hai un responsable que é xeógrafo e que coñece por tanto o terreo. Haberá que facerlle unha visita para que se anime a empurrar con decisión firme para a instalación dun produto único chamado Costa da Morte. Un produto que adianto será moi gorentoso e que propoño leve na súa composición ingredientes autóctonos como os que seguidamente recomendo: unha volta polas obras dos primeiros arquitectos da Costa da Morte, un percorrido polas murallas que derrubaron os irmandiños, unha visita ao pazo máis antigo de Galicia, unha merenda na beira de tres vellos artesáns bataneiros; unha conversa coas palilleiras que tecen encaixes de escuma e unhas preguntas aos alfareiros que coas súas mans converten o barro en cuncas.