ARA SOLIS | O |
19 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.VOLVAMOS ÁS webs. Xa temos falado algo delas esta mesma semana. Non das páxinas dos Concellos que pagamos máis ou menos entre todos e logo unhas saen ben e outras regular, senón das da xente que emprega o seu tempo libre, e moitas veces os seus cartos, en dar a coñecer o seu lugar, parroquia, municipio. Con datos, con fotos, con aportes diarios. Son moitos, tal vez foron máis aló polo 99, cando empezou a feble e nacían este tipo de sitios (nada que ver cos comerciais, os intereses son outros) cada dous por tres (días). Sempre me chamou a atención que nunha comarca como a nosa, na que o acceso á Internet de alta velocidade aínda é case imposible en moitos puntos, fose como unha pioneira nisto da Rede. Parece como unha resposta de orgullo ás carencias técnicas. Que un portal como o finisterrae fose dos primeiros de Galicia. Ou que que as imaxes da Costa da Morte aparecen naquelas páxinas que amosaban o mellor de Galicia. Algunha aínda queda por aí espallada, perdida nos servidores, ás que aínda se pode acceder. Non pasaron nin sete ou oito anos, pero cando un se achega a elas, co doado que é, parece unha viaxe no tempo. Recomendo unha ollada a aquela Oración en Fisterra (http://www.geocities.com/Paris/2311), título tomado dunha poesía de D. Xohán Cabana, que aínda suxire emocións que non se atopan noutras mellores e posteriores, combinando a lírica coas vellas imaxes. Vaia tamén, xa que logo, unha pequeniña homenaxe para Xabier Canosa Rodríguez, de Erbecedo-Coristanco, quen no ano 1994, nunha universidade do País de Gales, a de Aberystwyth, creou a primeira páxina integramente en galego na Internet. A primeira, que se di axiña. A páxina xa morreu, pero hai que evitar que os nomes de xente que puxeron un anaquiño de modernidade na nosa terra esmorezan.