MEMORIAS RIOPRATENSES | O |
17 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A NON máis de tres quilómetros da miña casa no lugar de Tarrío (Ames), a fermosa cor verde dos montes foi borrada polas lapas do lume. Da miña ventá vía ao lonxe como a acción delictiva dos incendiarios estragaba os montes que rodeaban a aldea dun vello amigo montevideano. Aquí, neste lugar da parroquia de Bugallido naceu Xosé Pazos Pereira, quen foi presidente do Centro Galego de Montevideo durante a celebración do seu centenario en 1979. Mentres pensaba nos comentarios dos emigrantes diante das imaxes da TVG que no Río da Prata reciben por medio de canles por cable, recibín dúas chamadas desde fóra de Galicia: desde Bos Aires e Montevideo. A de Bos Aires era do meu curmán Eduardo, quen naceu alí e non coñece a terra dos seus pais de Cabana e Vimianzo. A de Montevideo fíxoa o meu curmán Pepe, que é da miña aldea de Tines (Vimianzo) e foi moitas veces ao monte antes de embarcarse con rumbo ao Brasil. Inseguridade e medo Eduardo estaba totalmente asombrado e non entendía que alguén puidese andar encendendo lumes para crear inseguridade e medo. Pepe, que xa sabía polo seu irmán Amando -residente en Tines- que os seus queridos montes de Pedra Miñón e Seixos Brancos non arderan, reflexionaba sobre escuros intereses. Non souben que dicirlles. Coido que fun pouco comunicativo porque estaba alporizado diante de tanto delicto. Aínda que son bastante lareteiro, quedei sen palabras. Dixen que era un inferno e que nos estaban queimando o futuro. Non lles fixen ningún comentario sobre a ausencia dunha política forestal en Galicia e tampouco sobre o chamado problema estrutural. A verdade que estaba tan doído que poida que o fume me quitase as palabras. Unha dereita civilizada -que non é o caso- apoiaría no Parlamento de Galicia a aprobación dunha nova e completa normativa para integrar ao monte dentro do desenvolvemento rural. Todos sabemos que o monte arde porque está abandonado. Sen embargo, o tema importante para eles é que non houbo liderazgo nin polo presidente da Xunta nin polo conselleiro de Medio Rural. ¡Ai, meu Deus! Que axiña se quere esquecer que eles perderon o poder porque o seu temón -xa que compás nunca tiveron- nin sequera o levaba ninguén desde Madrid, senón un indocumentado para o oficio do mar que disque manda moito desde o outro lado do Atlántico. Eleccións As vindeiras eleccións municipais demostrarán que o temón lévase desde o fogar de Breogán e na emigración os nosos irmáns de maior idade lembrarán con agarimo e morriña aquel lume da lareira que lles quecía o corpo e o corazón naqueles longos invernos de outrora.