Puntos prestados

A. MARTÍNEZ

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

10 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

CON ISTO do carné por puntos xa empeza a aflorar a picaresca. Porque, aínda que non pareza demasiado sinxelo burlar o sistema nin aos axentes da Garda Civil de Tráfico, ao final acaba pasando como coas tarxetas piratas que se usaban para ver pola cara os programas codificados de Canal +, que todo o mundo coñecía a trampa e, por suposto, utilizábaa. Pois agora tamén: feita a lei, feita a trampa, que di a sabiduría popular. Entre os primeiros damnificados polas multas e a resta de puntos que levan aparelladas as infraccións hai moitos mozos. Xa se sabe -e sigo co refraneiro- que xente nova e leña verde todo é fume, e a fume de carozo circulan moitos rapaces, demasiados, polas estradas da Costa da Morte. Aínda que non o crean, a maior parte das veces conseguen safarse dos controis de Tráfico. Pero outras non. É entón cando entran en xogo os pais. Eses mesmos que lles compraron un coche cun feixe de válvulas e outro de cabalos nada máis sacar o carné de conducir, e que agora, cando son sorprendidos in fraganti, tamén dan a cara por eles. O máis habitual é que a nai, que sacou o carné fai vinte anos e renóvao relixiosamente, pero nunca máis colleu o coche, se brinde a facer de condutora pantasma e a perder dous, tres ou máis dos seus 12 puntos en beneficio do seu fillo, que, como necesita o vehículo para ir traballar, non convén que lle resten puntos. Pero mesmo cando a nai, ou avoa, ou tía cercana non teñen permiso, é o pai quen lle regala os puntos ao fillo e mesmo desembolsa os cartos para a sanción económica. Todo para que o pobre rapaz non sufra, que bastante mala sorte tivo con que o colleran, a el que é tan formal, que pon o cinto e que respecta sempre os sinais de circulación. E así estamos criando xeracións de futuros homes e mulleres que deste xeito nunca aprenderán a asumir os seus erros nin, por suposto, a pagar as consecuencias.