Agobios

ANTONIO DÍAZ AMOR

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

10 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTA SEMANA notei certo ambiente raro e sufocante nos bares e tabernas da bisbarra. A ilo axudou a vaga de calor que tivemos que soportar, algo poucas veces visto nestes lugares a tal altura do ano, cando aínda queda medio mes para o San Xoán e o mercar sardiñas aínda non despluma á pomba da visa á hora de pagar. O tema de conversa que monopolizou os faladoiros estaba por enriba da inseguridade cidadán que tan preocupados nos ten, a ausencia de socorristas nas praias neste verán anticipado que nos pillou a todos aínda sen cambiar o fondo de armario, a entrada en vigor do carné por puntos e os rallies nocturnos polas rúas de Baio os venres á noite, os sempre temidos exames finais ou as alerxias primaverais. Todo o anterior son trivialidades comparado co problema de que en moitos lugares da volta non se poderá ver o mundial por non chegar a sinal de La Sexta. Non vale a solución da televisión dixital terrestre, nin da cadea de pago, nin a posibilidade de velo en macropantalla nos multicines de Carballo, e tampouco chega coa media ducia de partidos (iso se hai sorte) cos que nos agasallará a cuarta cadea. A cidadanía quere que o manido interese xeral se concrete de verdade na posibilidade real de acceder ao goce dos partidos do mundial de Alemaña por parte de todos. Iso si que é un problema. E algúns alcaldes -a un ano vista das municipais- xa se decataron de que hai que ter contentos aos veciños e están realizando as xestións e dotacións das infraestruturas para que todo o seu Concello poida ver os partidos. Contáronme que en Corcubión e Dumbría os veciños case que aplauden coas orellas ao saber que os máximos responsables municipais están instalando microrreemisores e antenas para poder ver aos Ronaldinhos, Casillas e Ballacks. No fondo o fútbol e a política non son tan diferentes: o que importa é gañar.