ARA SOLIS | O |
26 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.OS ALUMNOS de segundo de bacharelato e dos ciclos formativos do instituto Isidro Parga Pondal de Carballo clausuraron onte o curso. Por moito que lles tarde en chegar a eses rapaces a maioría de idade, o tempo segue a pasar a marchas forzadas, como se os días fosen horas e as horas, minutos. E así, como quen non quere a cousa, o mes de xuño xa está á volta da esquina ou da folla do calendario, que vén sendo o mesmo. O verán xa está aquí. Coas súas cousas boas, que son a maioría: o sol, a manga corta, os baños no mar, as cabezadas á beira do río, as verbenas, as vacacións... E as malas, que tamén as ten: as caravanas de coches cara a costa, a suba dos prezos e o aire acondicionado, que xa está empezando a destrozar as gargantas de quen o padece. E a rapidez coa que pasa o tempo xa habitualmente multiplícase a partir de agora. Porque ningún pode negar que os dous meses de xullo e agosto non duran o mesmo que os de febreiro e marzo. Por moito que o segundo mes o ano sexa o que menos días ten faise interminable ao lado dos días inmensos de xuño que non dan para nada. O mes que está a piques de comezar é especial por moitos motivos. Porque remata o curso, porque empeza o verán, porque as vacacións están máis cerca e porque se celebra o san Xoán. As festas de Carballo, a semana grande que moi pronto nos desvelará con todos os seus detalles a comisión, pechan un mes no que tamén hai outras citas importantes, como a romaría de san Antonio, capital Agualada, ou as de san Adrián, que reparten aos devotos entre localidades como Malpica, A Piña (Sofán) ou Toba (Cee). Por certo, que nas dúas últimas, onde son tradicionais as subastas de polos, a gripe aviaria bota por terra este ano un antigo costume. Non sei o que pensarán os devotos, pero seguro que máis dun crego mesmo o agradece.