Culés

ANTONIO DÍAZ AMOR

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

20 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O MEU madridismo practicante non me impide felicitar aos moitos culés que hai na bisbarra por un título que se mereceron con creces; en especial a Sara do Trébol, que berrou os goles do Barça coma se lle tocase unha primitiva millonaria e foi quen de retratarse cunha bandeira blaugrana baixo a desesperada mirada do seu fillo Mario, que esa noite «quedou sen defensas». E é que o san deporte do balompé, sendo machista, non é só cousa de homes. Porque o pasado mércores 17 de maio para moitos non era o día das letras, nin da lingua, nin da fala, e os Lugrís, Pondal e Labarta foron suplentes duns Ronaldinho, Iniesta e Henry, e as miradas xeográficas non estaban postas no Couto, nin en Cabana, nin tan sequera en Sada, na vila natal do autor homenaxeado; este ano as miradas estaban postas na Cidade da Luz, nese París bohemio e tranquilo onde moitos -ao non poder estar físicamente- estiveron co seu corazón atentos á pantalla do televisor. Día das Letras haino todos os anos, e xogar unha final de champións ... a ver cando repetiremos. Os romanos estaban ledos (e tolos, dicía Asterix) co seu pan e circo e nós, mimeticamente, parece que nos conformamos con botellóns e fútbol que serven para que nos esquezamos dos problemas do día a día. O deporte de masas por excelencia é, no noso país, agora o opio do pobo, moito máis que a relixión da que nos falou Marx no seu día. E é que xa dicía Pascal que o corazón ten as súas razóns que a razón non coñece. E o fútbol é corazón, corazón e puro sentimento subxectivo. E sufrir sufriuse -algúns- pero ao final pagou a pena e gañou o que tiña que gañar -o Barça, claro está- e, bogartianamente, a moitos sempre lles quedará París. Pois non. Non me resisto a deixar de escribir, na miña lingua, que menos mal que nos queda Portugal... E cada quen que o entenda como queira.