O pesadelo

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

15 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

CLAUDIA quedou viúva hai case setenta anos. O seu home levárano á guerra, na que caiu aos primeiros días vítima dunha ráfaga nunha das primeiras escaramuzas bélicas sen importancia. Era case un mozo que bailaba coma ninguén na romaría do Remuíño. Tiña moito de boa persoa e outro tanto de aventureiro. Namorara á súa muller cunha mirada profunda e un sorriso á beira do río Anllóns. O día que subiu na camioneta militar despedíronse cunha inocente mirada mollada de bágoas, pero grandes doses esperanza. Ningún dos dous sabía o que era a guerra nin adiviñaban a negrura das súas consecuencias. Pasaba pouco dos vinte cando Claudia quedou soa, vestida de loito e con tres fillos pequenos, aos que lles daba moitos bicos porque tiña pouco pan que lle ofrecer. Nunca máis se lembrou de si mesma nin volveu a pensar no seu ser. Fixo grandes e xenerosos esforzos por criar aos seus nenos, que viviron os rigores do racionamento con algunhas penurias, algo de alegría e pouco que comer e que vestir. Non se acordaban de seu pai, pero a súa nai pintoullo de ouro. Xa grandes, un marchou para Barcelona, outro viaxou á Arxentina e o terceiro foi dos primeiros galegos que pisaron chan Suízo. Alá andivo por Solothurn, entre aquelas catro torres góticas e o gran paseo que as comunica, que polo verán se enche de terrazas caladas nas que parece posible parar o tempo. O silencio ata envolve ás bolboretas. Namorou daquela vila e máis dunha alemana que tamén fuxira coa súa familia da desesperación nazi. E armaron unha familia feliz, na que as ditaduras só son un pesadelo lonxano. Agora Claudia ten unha bisneta loira e fermosa que lle toca o piano. A vella mira leda para a rapaza e escoita con alegría o Rondo alla turca . E ata sabe que este ano se celebra o 250 aniversario de Mozart, e o 70 do comenzo da guerra que a deixou soa contra o mundo.