Acordeonistas

ANTONIO DÍAZ AMOR

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

22 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois dun duro inverno de auga e neve os ríos baixan revoltos e caudalosos. E iso é de agradecer para tantos pescadores da bisbarra que levan xa unhas cantas semanas poboando os coutos do Anllóns, Xallas e Río Grande coas súas canas na procura das tan desexadas troitas de pintiñas vermellas e xogando a ser acordeonistas discutindo sobre o tamaño, que neste caso si que importa. Pero o ritual do pescador non se queda só no mero acto de pescar. Compartir o día cos colegas faise esencial na idiosincrasia dos amantes da cana e da tanza. Moitas son as cuadrillas que aproveitan a xornada para facer un churrasquiño á beira do río e despois de estar toda a maña bañando á miñoca se dedican ao san exercicio do xantar e do beber seguido da partida de tute e, por suposto, dos chupitos. Eu mesmo gocei fai dous anos dunha xornada destas no couto de Verdes saboreando as deliciosas costelas á grella que prepara coma ninguén o incomparable Luís Pérez. Aquel día, sen troitas, contáronme a historia dun pescador de Zas que, na sobremesa, entre partida e partida, foran tantos os groliños de caña tostada que bebeu que á tardiña, vadeando o Río Grande á altura dos Batáns do Mosquetín, esvarou e caeu na auga quedando pingando de pes a cabeza. Ao chegar á noite á casa -despois de percorrer unhas cantas tabernas da volta para falar da xornada de pesca- laiouse do seu accidente para explicarlle á dona os porqués de que o cesto viñera baleiro desculpándose acordeonisticamente para hiperbolizar a mágoa de perder semellantes capturas e prometendo que a vindeira vez traería o cesto que non podería con el. Rematada a disertación foise deitar cantando -como os da Coral Xan Mella- aquela que fala das troitas que se menean no río. Ela quedou fregando a louza e pensando no peixe... pero non nas troitas senón nas «merluzas».