Esquecemento

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

21 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

TEMOS esperanza. A esperanza é o peor dos males, pois prolonga o tormento do ser humano. Dicíao alguén con tanto criterio como podía ser Nietzsche. Os políticos fannos vivir con esperanzas, que se eternizan. As solucións sempre chegan a destempo. Pérez Touriño dixo no Parlamento de Galicia que na Costa da Morte imos ter un plan que vai acabar coas nosas diferenzas sociais e co illamento que sufrimos dende séculos. Os cronistas dos grandes naufraxios do século XIX denunciaban a falta de medios para chegar aos lugares dos sinistros. Os setenta millóns de euros prometidos polo presidente da Xunta son algo máis ca unha esperanza. Son o precio mínimo para pagar a peaxe de cara as vindeiras eleccións. As persoas que ocupan cargos públicos traballan sempre de cara a próxima colleita electoral. O demais, vén por engadido e só serve para encher páxinas nos tratados universatarios e máis nos xornais. O resultado duns comicios é coma un exame ao final do curso e todo o labor da lexislatura faise para superar a proba da papeleta na urna, unha acción tan sinxela como grande. A democracia é o que ten:unha manchea de sobres pode cambiar o destino dun pobo ou dunha comarca. Os romanos déronlle nome de Finis Terrae a estas terras, un deserto azul brillante no que de cando en vez aparece a sombra negra dalgunha balea lanzando chorros de auga. Antes o que se vían eran cachalotes. Entre uns e outros -os que foron sacrificando- e os que varan nas praias, xa non quedan. Quen vía cachalotes no deserto azul era George Borrow, cando o século XIX aínda era mozo. Aquí, como dicía o vendedor de biblias, hai un aire de austeridade e de salvaxe grandeza por todo arredor que cativa fortemente a imaxinación. É coma unha triste e monótana viaxe á vida. Pero hai algo máis violento ca morte: é o esquencemento. E diso por aquí sábese moito.