ARA SOLIS | O |
11 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.QUE NA Costa da Morte hai recunchos dunha incrible beleza é seguramente algo innegable. Tal é o caso do cabo Touriñán, que ten ademais o orgullo de ser o punto máis occidental da Península Ibérica. Preguntarse canto vale a beleza dun lugar así, referida en termos económicos, podería parecer unha pregunta case ofensiva e un tanto absurda. Pero non o é se temos en conta o funcionamento da sociedade actual, na que todo parece moverse por intereses económicos, na que parece que non hai cabida para o valor da beleza dunha paisaxe única. Mesmo se pode construír calquera cousa en calquera lugar, sen importar demasiado que se acaben destruíndo paraxes de gran valor. E o cabo Touriñán é un deles, por ser unha das paraxes máis fermosas e mellor conservadas de Europa, un lugar de interese comunitario e que pertence á Rede Natura 2000. Nesta zona está proxectada a creación, segundo o plano sectorial de parques de tecnoloxía alimentaria deseñado polo anterior Goberno da Xunta, a meirande piscifactoria de rodaballo do mundo, cunha extensión de 300.000 metros cadrados. As reaccións non se fixeron esperar, e, así, no caso da asociación ecoloxista Adega, vén denunciando o que considera como unha gran desfeita en Touriñán. Supoño que non se trata de opoñerse á creación de piscifactorías, pero si de buscar outros emprazamentos máis axeitados. De non agochar baixo o suposto progreso intereses económicos privados que estropeen os recursos naturais que son de todos. Quizais é hora de entender que estamos matando este planeta no que habitamos. Basta con lembrar episodios tan próximos e, lamentablemente, tan tristes e dolorosos como o do Prestige . E de preguntarnos que queremos deixar para as xeracións futuras cando xa non esteamos aquí. Por unha Costa da Morte chea de vida.