Menos dá unha pedra

LUIS ANTONIO GIADÁS ÁLVAREZ

CARBALLO

O PATRIMONIO AMENAZADO | O |

22 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

ASISTIMOS NESTES días a un intenso debate sobre os Penedos de Pasarela. Iso, xa de entrada, é positivo. Fai non moitos anos, a cuestión quedaría zanxada: as pedras só serven para canteira. Aínda ben que nos imos civilizando e concienciando de que a primeira inversión coa que contamos é o noso patrimonio natural, que debemos mimalo como as niñas dos nosos ollos. Tal é o sentir que latexa nas voces que se escoitaron -en nome propio, pero, así mesmo, en nome das numerosas entidades culturais e institucións ás que representan ditas opinións- na defensa destes encantos de pedra. Moitos dirán: «¡Estes románticos trasnoitados teñen todos eles a vida arranxada e meten o fuciño no que podería ser o noso pan, os nosos postos de traballo! ¡As pedras só son pedras! (Tamén a catedral de Santiago está feita de pedra e a ninguén se lle ocorre picala). Pois ben, deixémonos de razoamentos culturais, ecoloxistas, sentimentais, etc... e falemos dos cartos. Parques xeolóxicos En todas as partes do mundo, os parques xeolóxicos representan unha sustanciosa fonte de ingresos. Por exemplo, se falamos de Cuenca, á parte das casas colgantes, ¿que outra imaxe se nos vén á mente? Efectivamente, a Cidade Encantada. ¿Cal é a tarxeta postal de Vimianzo? O castelo dos condes de Altamira e, como pano de fondo, os Penedos de Pasarela. Observemos realidades concretas, traducibles a cifras. Xa non falemos do Parque de Ordesa ou dos Picos de Europa, vaiamos á Costa do Sol, a Málaga. Xustamente alí atópase o Torcal de Antequera, un lugar máxico de formas caprichosas ao que acoden milleiros de turistas, que aproveitan para admirar as ruínas da fortaleza mozárabe de Bobastro ou os dólmenes de Menga, Viera e El Romeral, e, así mesmo, para recrearsenos flamentos da Laguna de Fuente de Piedra. Substituamos nomes: Penedos de Pasarela e Traba como lugar máxico (debidamente sinalizadas as formacións rochosas, coas súas respectivas lendas, un centro de interpretación ¿no propio castelo de Vimianzo?); fortaleza medieval (non en ruínas, senón, afortunadamente, nun moi didáctico estado de conservación); dólmenes (Aprazadoiro, o máis próximo, pero, ensartadas coma as doas dun rosario, as antas do roteiro megalítico Dombate-A Moruxosa); lagoa de Traba, «praias feiticeiras»... Deste xeito, os Penedos actuarían como un dos potenciais motores da economía de Soneira, na vez de querelos esnaquizar para sempre, o que sería pan para hoxa e fame para mañá. ¡Que partido lle sacarían os franceses -por exemplo- aos Penedos! Camisetas cos rochedos como logotipos, deseño de xoias, cerámica, xogos de luces nocturnas... Pero, conformémonos con respeitar o entorno e dalo a coñecer e aprezar a forasteiros e veciños. Pero non. Agora nós, os románticos trasnoitados, non estamos orfos nesta reivindicación. O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, sinalou en Vigo, o 24 de febreiro deste mesmo ano, que «a Lei de Protección do Patrimonio Natural que anunciara o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, será unha realidade a principios do 2007 e marcará as liñas de actuación do Goberno para preservar os espazos e especies naturais de Galicia. Esta Lei definirá as liñas de protección e as de corrección que xa se están poñendo en marcha, rematando coas políticas inconexas de gobernos anteriores. A protección específica de espazos naturais supón un paso significativo fronte a unha natureza ameazada. Aínda que hia precedentes da Lei da Paisaxe en Cataluña e outras comunidades autónomas, Galicia será a primeira que contará cunha lei de protección». Lexislación Máis aínda: a Lei 4/1989, de 27 de marzo, de Conservación dos Espazos Naturais e da Flora e Fauna Silvestres, establece «a necesidade de axeitar a xestión dos espazos naturais e das especies que deben protexerse aos seus principios inspiradores, para o que resulta necesaria a posta en vigor dun instrumento de planificación dos recursos naturais que permita acadar os obxectivos de conservación do ecosistema e harmonice os distintos intereses implicados no uso sostible e disfrute público destes espazos». E, para rematar a presente argumentación: «O artigo 27-30 do Estatuto de Autonomía faculta á Xunta de Galicia para levar a cabo aquelas accións que considere necesarias para a protección, conservación e mellora dos espazos naturais e das especies e elementos senlleiros de fauna, flora e xea de Galicia que polo seu valor e interese científico, paisaxístico, cultural ou histórico requiran unha especial atención».