Televisión

ANTONIO DÍAZ AMOR

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

04 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

DICÍA GROUCHO Marx que lle estaba moi agradecido á televisión, pois cada vez que a prendían na súa casa el collía un libro e se poñía a ler. Aínda que me considero marxista, e grouchista, estou moi lonxe do papanatismo cultural dalgúns que adxectivan á televisión como caixa boba dicindo que non serve para nada, e creo necesario o saber aproveitar os recursos que ofrece a contemporaneidade audiovisual como vehículo de achegamento da cultura ao pobo. O culpable non é o instrumento, senón o uso que podemos facer con el -cun lapis podo escribir o máis fermoso poema de amor, e tamén cravarllo á miña amada no seu corazón, creo que dicía Saramago ao preguntarlle polo uso de Internet-, e un programa televisivo que trate temas culturais non ten por que ser necesariamente sinónimo de pouca audiencia, se sabe achegarse a uns espectadores que estamos cansos de tanto programa rosa e de tele-lixo cos que nos atopamos cando facemos zapping . Un bo exemplo témolo no programa Cifras e letras que a TVG emite de luns a venres na sobremesa no que o profesor baiés Jorge Mira é o sabio dos números e Iolanda Castaño o é da parte lingüística. A escusa das operacións aritméticas e das combinacións de letras serven para facer de catalizadores en todos os eidos da cultura, no seu máis amplo espectro, dun xeito entretido, lúdico e formativo, e coñezo a moita xente da bisbarra que se senta diante do televisor con lapis e papel xogando dende o salón ao tempo que exercita a mente nas súas capacidades combinatorias. ? Jorge asume coma ninguén o papel de divulgador científico-cultural lonxe da pedantería á que nos teñen acostumados algúns ao tempo que fai propaganda desa vila que durme e soña na ribeira dereita do río Grande, que por algo, ademais de profesor universitario e investigador, se considera un labartiano de pro.