Mulleres

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

22 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

MULLERES significativas. E tanto. En xaneiro, Manuela e Isolina, as primeiras comercializadoras do encaixe. Foron abrindo camiño. Chegaron a ter despacho en Pontevedra e na Coruña. ¡E falan de que agora non hai emprendedores na nosa bisbarra! A abundancia non deixa estimar as cousas boas. Os camiños da vida sempre trillaron nos pés, pero aqueles de Manuela e Isolina seguro que foron ben máis ruíns ca os actuais. En febreiro, Rufina Josefa Paulina, máis coñecida por Pepita de Roque, un nome que marca máis ca unha partida do rexistro. Fixo unha sombrilla con encaixe para a raíña Vitoria Eugenia de Battenberg no ano 1909. Carmen Grela: moita xente da Ponte do Porto lembra as súas composicións poéticas, pero non deixou ningunha escrita (marzo). Elisa, de Brañas Verdes, deu en recoller as caramiñas e de vendelas polas casas (abril). Sofía Rivas foi mestra, organizaba obras de teatro e deixou todos os seus bens á comunidade (maio). E así todo o ano. Onte vin por primeira vez o calendario que fixeron en Camariñas. Titulase Mulleres singulares , e tanto. Son coma heroínas do común, do anominato, da vida de cada día. Mulleres que serán recordadas durante moito tempo no seu pobo. Deron toda a súa alma pola familia, polos veciños e pola xente que as rodeaba. Xa non quedarán no esquecemento colectivo. Foron fortes, por vergonza ou por esperanza. A vida non da oportunidades de forma gratuíta. Felisa Tajes trasladaba na cabeza as caixas dos mortos de A Ponte do Porto a Camelle. Esta xente batía forte no corazón para saír adiante coa cabeza ergueita. A súa historia é inmortal. O espíritu destas heroínas fai grandes aos pobos. Que non morra. Mentres haxa mulleres así o mundo seguirá sendo mundo. Elas si que eran singulares, máis ca singurales. Eran imprescindibles.