Entrevista | Carlos Blanco O cómico estreita os seus lazos coa comarca con «O partido», telefilme do que fixo esta semana o cásting en A Laracha, e a súa faceta de monologuista
03 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O telefilme O partido e unha actuación no pub La Tentación traerán nas próximas semanas a Bergantiños ao popular actor Carlos Blanco. -¿Que pode avanzar desta película? -É unha historia escrita por dous rapaces galegos, Denis López e Xosé Antón Moure, e dirixida por Juan Calvo onde o fútbol xoga un papel importante, pero tamén o aspecto social. Ten un toque ao Full Monty. -«Días de fútbol», «El penalti más largo del mundo»... Parece que están de moda as películas sobre o balompé. -En certa medida si, debido ao éxito que tiveron dous ou tres, pero tamén houbo algunha anterior moi boa que pasou desapercibida como El portero, de Gonzalo Suárez. O fútbol serve para reflexar un pouco como somos. -Pero tamén é unha competencia do cine no eido de ocio. -Si, pero como di o refrán, se non podes vencelos, únete a eles. Ademais, este proxecto é para televisión. -¿Tras facer series, telefilmes, teatro e películas, hai algún formato que prefira sobre os demais? -O que me importa é o guión. Normalmente, os de cine están moi ben escritos mentres que os de televisión están feitos máis a correr, aínda que ás veces é xusto ao revés. -¿Comedia ou drama? -Sucede o mesmo. O que conta é o guión. No caso de O partido, apetéceme porque levo tempo sen interpretar unha comedia, aínda que tiven que facer encaixe de bolillos coas datas para poder participar. -Os premios Goya das últimas edicións son casos puntuais ou un síntoma do estado da industria galega. -Dygra é unha empresa consolidada e Filmax fai moi boas películas, pero está por consolidar aínda unha industria propia e falta por resolver o problema de rodar en galego. -A pesares dos demais compromisos segue recorrendo Galicia cos seus monólogos. -Si, porque nada é comparable a contar e comunicar. Igual que outros non son capaces de renunciar a saír de copas, eu non podo deixar esta faceta.