CRÓNICAS DE ULTRAMAR | O |
16 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.FOI O poeta Ángel Crespo, amigo do ceense Baldomero Cores alá nas terras boricuas, quen escribiu o aforismo «soy occidental, me gusta el atardecer». Podemos dicir que a historia de occidente é un camiñar no sentido do sol. Mais agora no mundo globalizado xorden novas relecturas e hai quen propón ir en sentido contrario. Nesta proposta o peregrino chega a Fisterra en autobús. O primeiro que fai é dirixirse inmediatamente ao faro, igual que fixera Jorgito el Inglés no século XIX, mais desta vez sen o triste resultado que tivera daquela. O peregrino, ou o viaxeiro, conta que veu ata aquí para ver a posta de sol no cabo do mundo, e veu desde Montreal, no Canadá. Sabe que hai outros fisterras en Europa e no mundo, pero recoñece que o noso ten unha carga simbólica que os outros non teñen; por iso veu ata aquí, por iso veñen aquí milleiros de peregrinos cada ano. Cando o sol se pon no horizonte, o peregrino comeza o camiño de regreso cara a vila de Fisterra, mais descobre algo que lle chama a atención: un hotel mesmo onde acaba a terra. Decide pasar a noite alí e a sorpresa é tan suxestiva que o primeiro capítulo do libro no que narra esta viaxe titúlase exactamente así: Un hotel na fin da terra . Ao outro día baixa a Fisterra e diríxese ao albergue para que lle selen a súa credencial de peregrino. Pero Begoña sorpréndese de que nela non hai selos e pregúntalle: ¿pero onde empezou vostede o Camiño? No faro, respóndelle o peregrino. ¿E a onde quere ir? A Santiago, dille. Pero mente, porque a súa intención é facer todo o camiño francés ao revés. Antes quere comer algo e vai ao Miramar, onde o menú está escrito con xiz nun taboleiro e a cociñeira, con mandil atado á cintura, sae a preguntarlle que quere comer. Ambas as dúas cousas lle chaman a atención nun mundo de présas e sofisticacións. Despois empeza a andar ao revés , pérdese varias veces e logra chegar a Cee. Desta vila non é capaz de destacar nada interesante e defínea como un lugar onde a mocidade deambula aburrida e os cans andan desesperados. Desde aquí, monte arriba camiño de Santiago. Chámanlle a atención as paredes das leiras, os hórreos e as mulleres con botas de goma traballando nas agras. Antes de chegar a Vilaserío detense para comer algo no medio dunha pradería, mais cando está comezando o bocadillo chega un tractor e, mesmo á súa altura, comeza a tirar un líquido cheirento que o obriga a recoller ás présas e marchar correndo, se non quere ser emboutado por ese perfume tan desagradable que nos venderon como símbolo do progreso e que acabará contaminando todas as augas do país. Non quero seguir contando as aventuras deste peregrino moderno e ao revés, só salientar a importancia de Fisterra e do Camiño como reclamos internacionais. Este peregrino, de nome Taras Grescoe, é un coñecido escritor especializado en literatura de viaxes, con varios libros xa publicados, algúns premiados, e que escribe para prestixiosos xornais americanos e ingleses. Agora vén de sacar un libro titulado O final dalgunha parte . Viaxes entre turistas no que nos leva de Fisterra a Francia, Suíza, Italia, Grecia, para seguir cara a Hong Kong e rematar en Tianya Haijiao, na illa de Hainan, no mar de China, onde din que o ceo se encontra co mar, é dicir vai ao cabo do ceo par ver saír o sol. O libro mereceu eloxios do New York Times e do The New Yorker, entre outros, e onde aparece o nome de Fisterra. O imán fisterrán atrae máis do que podemos pensar, mais debemos ter coidado deste produto cultural, porque no mundo globalizado o turista pode andar 10.700 Km, os que hai desde Fisterra ata esa illa chinesa, e contemplar o amencer noutra punta do mundo e deixar a posta de sol para a historia e o principal recurso de Fisterra como algo do pasado se aquí seguimos optando por formas xa caducas de turismo. O libro é tamén unha crítica ao turismo de masas e aos lugares tópicos, pero para nós, fisterráns, é un toque de atención para valorar o que temos e decidir se o queremos conservar ou non.