ARA SOLIS | O |
15 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.ACTUALMENTE NINGUÉN se estraña de que os buques mercantes naveguen a vinte millas do Fisterra. É lóxico, non ían pasar pegados á costa porque poderían provocar accidentes. E, de feito, así era. A historia da nosa suprabisbarra está chea de barcos que enfuciñaban a súa proa cara os acantilados ou rañaban os seus fondos nos baixos. Así foi que as nosas aguas se encheron de laranxas, de champán ou de acordeóns, que zoaban ao ritmo da marea e regalando a quen a oíse unha música absurda saída da mestura dunha castástrofe e o inmenso poder da natureza. Non hai tantos anos, pouco máis dunha década, que un buque chipriota, o Anja , embarrancou contra o cabo Touriñán e non durou media ducia de horas a flote. Pois así era. Se non fose polo lutuoso suceso do Cason , posiblemente aínda agora non habería o corredor marítimo, anque tamén hai que dicir que se non fose o buque panameño podía ter sido outro o que provocase un sinistro de tan ou máis lamentables consecuencias. Despois daquela traxedia producíronse movementos reivindicativos para dar maior seguridade á navegación. Do mesmo xeito que cando morreron os ocupantes do cruceiro inglés Serpent se axilizou a construción do faro de Vilán. Despois do naufraxio do Cason -que ninguén retirou aínda do Rostro, e esa é outra- formouse unha comisión de patróns de varias confrarías da Costa da Morte, o representante de Aetinape e máis armadores. Foron días de moitas reunións, viaxes a Madrid e xestións. Pouco a pouco ían avanzado os trámites. E tamén había tempo para as gracias. Un dos patróns da bisbarra, xa xubilado, confesaba que lle gustaba moito un mel que mercaba en Dumbría. Segundo afirmaba, aquel produto dáballe moitas enerxías para poder verse cunha moza que tiña o home navegando moi lonxe.