ARA SOLIS | O |
14 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.SEI DE moitos que teñen cada día máis próximo o seu calvario. Nos lles queda moito para disfrutar. Que vaian aproveitando. Todo máis, un par de semanas. Logo virá a condena eterna en virtude de lei aprobada polo Parlamento e refrendada pola súa maxestade El Rei. O sufrimento vai ser grande para algún que coñezo ben e que non sabe dar un paso sen o seu compañeiro máis preciado. ¡Mira que foron anos e anos! E agora, nada de nada. Fóra para sempre, polos séculos dos séculos. Hainos que nin estando coa consorte na cama son capaces de prescindir del. E a moitas delas pásalles igual. Cada pouco, veña. E así tamén no traballo, na rúa, no bar, na sala da casa, no vater ou no campo de fútbol. Todo o día con el na man. Veña que dalle, sen importarlle o que digan nin que o pensen os demais. Pero acabouse, ou case. Algúns empezaron sendo nenos, ás agochadas en calquera corruncho. E que non lle vise o pai, o mestre ou a familia. Refírome, supoño que xa se decatarían, ao tabaco. Ao inimigo número un da saúde pública. Como dicía, hai algúns que coñezo ben que non son capaces de separarse do pitillo. Non hai moito, un par de amigos decidiron invitar a un terceiro dar un paseo por unha das sendas marítimas da Costa da Morte. Estrañáronse que aceptase, pero alá foron os tres. Non levaban máis de un cento de metros camiñados cando o novo acompañante saca de paquete de cigarros e ponse a fumar. Obviamente, tiveron que parar e sentarse. Non fai falta dicir que alí mesmo e sen fala acordaron de forma unánime e unicamente coa mirada de que nunca máis chamarían ao fumador para acompañalos. Non me quero acordar dun mozo que hai anos lle queimou o vestido á súa noiva cando ambos estaban no coche. As charamuscas fixéronlle un gran burato no lugar menos adecuado. O enfado foi tal que durante un par se semanas non houbo más verbenas.