As escolas dos emigrantes

XOSÉ MARÍA REI LEMA

CARBALLO

TERRA E XENTE | O |

03 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

FALABAMOS DÍAS atrás da intención do emigrado zasense Manuel Pose de crear un colexio mercantil no seu concello. Queda claro que unha das preocupacións máis importantes dos emigrantes a nivel social sería a instrución da xente nova que quedaba en Galicia. Así comezaron a formarse as chamadas Sociedades de Instrución. Segundo o historiador Núñez Seixas, chegaron a crearse en América, entre 1904 e 1936, 477 sociedades, das que 261 estaban financiadas polos emigrantes da Arxentina. Pero na Costa da Morte non abundaron e foron de escasa importancia. Non sería ata a década dos vinte, cando se funda en Bos Aires a Asociación Benéfico Cultural do Partido de Corcubión, que se comeza a preocupar polo ensino na nosa zona, como claramente figura nos seus estatutos. Así, en xaneiro de 1929 acórdase en asemblea a creación dunha escola en cada un dos concellos do partido xudicial. E, facendo unha paréntese, van xa máis de 75 anos e aínda está pendente un recoñecemento para esta xente. Volvendo ao asunto, como os cartos non eran moitos, decídese ir aos poucos e, polo tanto, sortear a orde da construción destas escolas. O resultado do sorteo foi o seguinte: Muxía, Vimianzo, Fisterra, Cee, Dumbría, Zas, Corcubión e Camariñas, ademais dunha novena na capital porteña. Acordouse comezar coas tres primeiras, para as que se elixiron os lugares de Nemiña, Pasarela e Suarriba, respectivamente. Outra decisión que tiveron que tomar foi a de escoller un nome para cadansúa escola, e tiveron a ben darlle o de Manuel Areas Blanco, emigrante de Lires e un dos primeiros presidentes da entidade, á escola de Nemiña; o do escritor baiés Enrique Labarta Pose á de Pasarela; e o de Juan Díaz Fernández, mestre en Corcubión, á de Suarriba. Labarta Pose Máis tarde, noutra asemblea, segundo lemos no seu voceiro, a revista Alborada, discutiuse a conveniencia de deixar o nome de Labarta Pose para a escola do concello de Zas, pero foi rexeitada esta proposta e quedoulle á de Pasarela. Logo deste acordo, o ceense Marcial González ofrece unha importante doazón de 1.000 pesos se se constrúe a escola de Cee na parroquia de Estorde, o cal se aproba, dándolle, así mesmo, o nome do benefactor. A mediados de 1930 xa estaban construídas as catro escolas e iniciáronse os trámites para dotalas de mestres. Paralelamente pretenden continuar levantando escolas nos seguintes concellos, labor que quedou interrompido por culpa da Guerra Civil, polo que os outros catro concellos quedaron sen elas. Non obstante, os veciños de Baio non deixaron a idea no esquecemento, e un cuarto de século máis tarde, e comandados polo poeta baiés José Collazo, un dos integrantes da directiva da ABC cando se contruíran as catro escolas, fixeron unha colecta para a construción dunha escola na vila soneirá. Así, en xuño de 1954 inaugurábanse as escolas Agra Regueiro, que na súa fachada, diante da falta de apoio da Administración, e para orgullo de todos, levan o lema de «costeadas por el pueblo». O mesmo pobo que reclama que nese edificio se instale agora, medio século despois, unha biblioteca. Haberá que facer unha nova colecta... (vamos, como se fixo sempre en Baio).