O EXILIO NA COSTA DA MORTE | O |
12 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.POUCOS, OU ningún pobo da zona, escaparon de que algún dos seus veciños sufrise a traxedia da represión física. E Cee non foi menos. Varios veciños sindicalistas foron fusilados na Coruña e algúns máis, paseados. Un monumento no seu homenaxe os recorda no recheo desta Vila. E dous veciños de Cee, tamén en agosto de 1939 atopábanse nos campos de refuxiados franceses: Joaquín León Domínguez estaba refuxiado no campo de concentración de Argelés sur Mer, e José A. Ventosa Vieites , veciño de Son, tamén estaba no campo de Agde-Francia. O caso de Malpica é tamén importante. Foron moitos os veciños daquela población os que fuxiron por mar para Francia para loitar no bando republicano -máis de cincuenta individuos, algúns deles convertidos en patróns dos bous artillados na zona de Euzkadi-. Algúns faleceron durante a contenda civil, outros nos campos de exterminio nazis - Antonio Fariña Chouciño , por exemplo-, e outros lograron exilarse en Sudamérica para concentrarse posteriormente na súa gran maioría na costa do Pacífico peruano. En Chimbote-Perú establecéronse dedicándose á pesca, a súa profesión de sempre, colaborando enormemente ao desenvolvemento de dita industria naquel país durante a década dos anos cincuenta e sesenta do século pasado. Moitos máis Foron moitos máis, moitos máis que os que nesta breve exposición se citaron. Individuos de Corme -máis de 12, algúns tamén patróns dos bous artillados en Euzkadi-, de Muros, de Carnota ou de Carballo, etc., que fuxiron destas terras ou se encontraban en xullo de 1936 traballando na Marina Mercante ou na Marina de Guerra republicana, emigrados no País Vasco, ou en Madrid ou en Cataluña, ou noutros lugares da xeografía da España leal, ou que desertaron do exército franquista pasándose ao republicano durante os moitos meses que perdurou a contenda. E todos eles, coa derrota final da súa opción política, social e ideolóxica, tiveron en común a desesperanza e o medo, o horror da incerteza do expatriado e do perseguido coa rúa cortada na que o horizonte non existe, e co perigo de que a vontade de supervivencia desaparecese polo esgotamento físico das forzas e o psíquico das ganas de vivir. Hoxe non coñecemos nada dos sinsabores sufridos no exilio pola maioría deles, nada coñecemos tampouco de cantos deles sobreviviron nin das dificultades ás que se enfrontaron, que foron infinitas, convertidos coa derrota da II República española en homes sen patria, apátridas. Nada coñecemos tampouco dos que foron enterrados nos esquecidos e abandonados cemiterios dos campos de refuxiados franceses, como o de Saint Cyprien, por citar algún deles. Moi pouco coñecemos tamén da triste sorte de caer prisioneiros dos nazis alemáns e a súa deportación aos campos de Mauthausen, Sachesenhausen, Dacha o Coswig, nos que sufriron o indecible e nos que varios, dos que algúns xa temos citado, entraron para non saír senón polas chemineas, convertidos nun fume cheirento dos crematorios alemáns. Hoxe en día, tamén, todos eles están inxustamente esquecidos polos seus veciños e familiares -ningún era un intelectual recoñocido como o deste ano homenaxeado para ser recuperados institucionalmente-, sen darnos conta de que as nosas vidas están dalgunha forma tecidas coas súas, coa súa loita e co seu entusiasmo. E, polo tanto, como debedores directos do seu sacrificio, lembrémolos.