TERRA E XENTE | O |
12 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.MANUEL MARÍA Pose, veciño de Zas, puido pasar á historia coma un dos máis importantes filántropos de Galicia, pero o seu nome quedou no esquecemento, pois parece que non se cumpriu o que deixou no seu testamento, ou polo menos parte dos seus desexos. Falecido o 14 de decembro de 1904 (é dicir, acaba de cumprirse o centenario da súa morte). Nove días despois deuse lectura ao seu testamento, no que figuraban importantes doazóns para institucións arxentinas e galegas. Da importancia que tivo no seu momento dá conta o historiador Alberto Vilanova, quen, no seu libro Los gallegos en la Argentina , sinala: «Al lado de Blanco Lema, García Barbón, Naveira, Amboage, Da Guarda, Zapata, López Cortón, por no citar más que los últimos, tenemos que colocar a Manuel María Pose». Do mesmo xeito, a noticia do seu legado transcendeu fóra da fronteira arxentina, pois mesmo se fixeron eco revistas da colonia galega de Cuba coma Follas Novas (nº 405, marzo de 1905). Manuel Mª Pose naceu en 1845 no municipio zasense e con 16 anos trasladouse á Arxentina, instalándose en Magdalena, pequena cidade na provincia bonaerense. Nese momento, a provincia estaba pouco poboada e as vías de comunicación eran escasas, pero isto non o arredou dos seus propósitos de apostar polo rural en vez de facer como a maioría dos galegos emigrantes que se asentaban na capital. Converteuse xa que logo en estancieiro no partido de Olavarría, tamén na provincia bonaerense. Comezou comerciando con la, pero non tardou en ampliar o negocio ao ramo gandeiro. Mercou a baixo prezo moitas terras que co paso do tempo multiplicaron o seu valor, conseguindo así unha importante fortuna. Parece ser que fixo unha viaxe á súa terra e contemplou todas as necesidades que tiña a súa vila natal, prometendo remedialas algún día. A súa cómoda posición social na Arxentina fixo que se lle ofrecesen postos de importancia nalgunhas sociedades bonaerenses, cargos que sempre rexeitou, pois dicía que o que querían del era só o seu diñeiro. Pasou os seus últimos anos nun modesto hotel de Bos Aires, retraído e tranquilo, ata que o 14 de decembro de 1904 morreu na capital arxentina. O testamento O día 23 do mesmo mes abriuse o seu testamento, e todos aqueles que o acusaran de avaricia por non querer participar nas sociedades de emigrantes, comprobaron que os seus cartos tiñan un mellor destino. Nese testamento deixou disposto que se fixesen as seguintes doazóns: 50.000 pesos arxentinos para o Hospital Español de Bos Aires, outros 50.000 para a Asociación Española de Socorros Mutuos de Bos Aires, outros 50.000 ao Asilo de Nenos Desvalidos de Bos Aires, 10.000 pesos ao Hospital de Olavarría e 50.000 ao Hospital de Santiago de Compostela. Por último doa 100.000 pesos para a fundación e sostén dun Colexio Mercantil en Zas. No citado semanario cubano de xuño de 1905 dise xa se iniciaran as xestións para facerse cargo do legado que lle deixara ao hospital compostelán, pero non se fala nada do colexio de Zas. Deste colexio nunca máis noticia tivemos, e cremos que non se fixo, polo que non se cumpriu o propósito de Manuel Pose, sabedor como el era da importancia dunha boa educación para triunfar na vida, sobre todo se se ten que pasar pola traxedia da emigración. Sería el o segundo gran filántropo da Costa da Morte logo do ceense Blanco de Lema, que en 1886 levantara un colexio aínda existente na súa vila natal. Posteriormente, José Carreras Fábregas encargaría a construción dunha escola en Corcubión, que se inauguraría en 1926. No concello de Zas habería que agardar cincuenta anos desde a morte de Manuel Pose para que os emigrantes na Arxentina creasen en Baio unha escola.