ARA SOLIS | O |
03 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.HOXE NON tiven un día bo. Foi un deses días nos que me avergoño de pertencer á raza humana. Abro o xornal e leo que unha muller torturou ao seu burro ata a morte. Entérome de que nun pobo de Valladolid celebran a festa do patrón acoitelando a un boi -manso, nalgúns idiomas irmáns, por algo será- e rematan a festa cortándolle os testículos para adordar a cabeza do matarife. Dou un paseo para despexarme e vexo cans famélicos atados a unha cadea de ferro coa que case non se poden mover. Volvo para casa e poño a tele. Nunha cadea están transmitindo unha corrida de touros, presidida polas autoridades e subvencionada por organismos oficiais, seia é a festa nacional... Cambio de canal e vexo un desfile de modas nas que non faltan prendas feitas con pelicos de animais amoreados en pequenas gaiolas. Noutra cadea falan do aumento do tráfico de especies exóticas, moitas traídas ilegalmente, que as soltan en calquera parte -co perigo que isto supón para a nosa flora e fauna- cando empezan a ser molestas para os seus donos. Prendo a radio e escoito o anuncio dun circo no que podemos ver auténticos animais salvaxes -tigres, leóns, unha pitón...- malvivindo en penosas circunstancias. Un equipo de científicos descobre que os humanos e os chimpancés comparten máis do 90% do ADN... porén, seguímolos recluíndo en zoos e investigando innecesariamente con eles en laboratorios. Cecais, algún día, teremos que darlles conta aos nosos irmáns por estas aberracións, estas crueldades innecesarias -non estamos falando de supervivencia, senón de diversión ou de fachenda-. O mundo non pertence só á raza humana senón que temos que compartilo entre todos. O peor é que , cando os que teñen na súa man o poder de cambiar as cousas, queiran actuar poda que sexa demasiado tarde.