Rechouchíos

M. CARMEN ESPASANDÍN

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

26 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

CAMIÑARON XUNTOS unha miaga. Ela cara a parada do autobús, el cara o parque. En silencio, con pouco de que falar. Coma dous que, na confianza de coñecérense de sempre, non atopan tema común agás preguntar pola familia ou facer un breve comentario sobre do tempo. De sócato, ¡tardes de outono!, comezou a chover. Instintivamente buscaron refuxio no soportal máis próximo. Dous nenos, duns oito ou nove anos, cruzaron a rúa choutando na auga que se ía acumulando. ¡Pouco lle importaba a eles que chovese ou deixase de chover! Ían detrás dunha anduriña que, con voo baixo, tentaba buscar abrigo: «¡Corre Miguel, a ver quen pilla ese paxaro tan cativo». -¿Cambiou moito a vida desde que vostede era rapaz?, preguntou ela por romper aquela monotonía. -Cambiou -dixo- e non cambiou. Os rapaces sempre andiveron a chapuzar nas pozas, a enchoupar roupas e cabelos baixo a chuvia. Certo é que antes tiñamos outras diversións -engadiu rindo-, outras sabedorías, como a de diferenciar calquera clase de paxaro só con escoitar o seu rechouchío. Da idade destes pequenos eramos capaces de describir a pega reboldana, o paspallás, o pimpín, o merlo, o picafollas, o carrizo... ¡Para nós falar deles era como para as xeracións de agora falar dos xogadores de fútbol, das novelas que dan nos distintos canles da televisión, dos corredores de Fórmula 1 ou dos concursantes de Operación Triunfo ! E moitos nin sequera falan. Pasan o día pechados nos seus cuartos enchufados ao ordenador e a Internet. Sonoros Ao escampar seguiron o seu camiño. Ela matinando na beleza daqueles nomes tan sonoros. El sentido mágoa pola perda. «Xa case non quedan -pensou para si- nin nomes nin paxaros.