NO CONFÍN DOS VERDES CASTROS | O |
15 ago 2018 . Actualizado a las 01:24 h.TEÑO ENRIBA da mesa toda a produción bibliográfica do carballés adoptivo Fernando Cabeza Quiles. Dous volumes de investigación toponímica, un de ensaio histórico, e tres de narrativa. Amais de todo isto, centos e centos de artigos seus corren espallados por páxinas de prensa e por revistas especializadas, xunto con varias colaboracións en distintas antoloxías. Hoxe ocúpanos Domingo de Resurrección , compilación dunha ducia de relatos escritos por Fernando no espazo de tempo de cinco anos. Domingo de Resurrección é un libro que nos trae á memoria o traballo narrativo do escritor baiés Enrique Labarta Pose, fundamentalmente porque nos contos de ambos hai un elemento recorrente como é a esmagadora presenza do humorismo e da ironía. O fío que entretece cada un dos textos é unha visión irónica, por veces amarga, na que se presentan as situacións creadas. En todas as páxinas de Domingo de Resurrección abrolla un humorismo ata o extremo, feito de modo tan maxistral que converte a Cabeza Quiles no máximo expoñente da literatura humorística galega contemporánea. Abundando nisto, son múltiples as escenas presentadas desde unha ollada crítica da sociedade actual, de tal modo que non queda ningún estamento que escapase ao seu punto de mira. Isto converte a Domingo de Resurrección nun libro arriscado, incómodo, mesmo impresentable para algún lector afeito a augas tranquilas en vez de a este cachón de puñadas literarias a unha sociedade que anda con pasos descamiñados. Salvando as distancias temporais, agardemos que Domingo de Resurrección non chegue a atragoarse tanto como fixeran no seu tempo os Aires da miña terra de Manuel Curros Enríquez. A morte, o amor, a perda da inocencia, o feminismo, a vinganza, as estafas, a crise da transformación da Galicia rural, o engano, a emigración americana e europea e as penalidades económicas da sociedade galega son os eixes temáticos principais. Arredor deles xorde un amplo abano de temas secundarios que converten este pequeno libriño nun volume que precisa de segundas ou terceiras lecturas. Informamos que, se ben nunha primeira ollada nos podemos quedar tan só co resol do humorismo, á medida que abusemos da relectura, observaremos que, amais de incómodo, o libro de Fernando acada unha profundidade de ideas bastante ausente na literatura actual, feita tan só para divertir, non para molestar. Para concluírmos, se xa con toda a súa obra, Fernando Cabeza Quiles tiña demostrado dabondo as súas calidades como escritor, agora confírmanolas ao botar man dun xénero literario tan difícil como é o relato curto. Nel todo deberá estar medido, cada peza, cada escena terá un peso específico no desenvolvemento do texto. E onde Fernando amosa mellor as súas calidades de narrador é no tratamento da intriga, dado que como lectores somos arrandéanos ao longo do relato e levados a situacións sorprendentes que para nada pensabamos ocorrerían conforme iamos avanzando na lectura. Velaí un dos grandes méritos deste Domingo de Resurrección .