ARA SOLIS | O |
25 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.OS DEFUNTIÑOS de agora van para o cemiterio e xa non se sabe máis deles. Antes saían a percorrer as corredoiras e as carballeiras a poñer os marcos do dereito e a arranxar asuntos que deixaran pendentes en vida. A Santa Compaña e moitas outras manifestacións do alén enchían horas de contos na lareira e grosos libros da literatura rural que agora quedan fóra de tempo na época da telefonía móbil e máis da Internet. Non imaxino a un neno das nosas aldeas tremendo de medo a un defunto aparecido mentres xoga cunha playstation ou chatea pola Rede cunha rapaza de Florida da que ten cradra grazas a un intercambio que lle facilitou a profesora de Inglés. As cousas cambiaron moito, incluso para os defuntiños. É máis, ¿como vai ser posible que escoiten no adro da igrexa as conversas da xente que vai á misa se hai quen prefere a incineración? Nas noites de verbena xa non son testemuños dos amores furtivos de antano, que se agochaban detrás dos panteóns ou das leiras de trigo. Hoxendía todo é máis aseado, sacando a descarga de decibelios das orquestras que chegan en camións e marchan coma Perico pola súa casa. As únicas mostras que quedan dos amores nocturnos aparecen logo ciscadas polos cornechos que dan ás pistas.