Os encontros do 2006 conmemorarán o aniversario do naufraxio do barco «Ariete» Miguelanxo Prado asegura en Carnota que a tradición está para ser utilizada polos creadores
26 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.?s Xornadas de Cultura Tradicional de Carnota remataron onte co anuncio de que haberá sétima edición. Francisco Fernández Naval e máis o alcalde do concello, Xosé Manuel García, explicaron que hai un compromiso da Asociación Canle de Lira para afrontar a organización das xornadas do vindeiro ano. O rexedor asegurou na clausura que «este é un traballo que hai que ir facendo ano tras ano e tampouco se pode planificar con moita máis distancia». Pola súa banda, Fernández Naval comentou que, posiblemente, as xornadas do ano 2006 vaian estar adicadas á navegación, para conmemorar o corenta aniversario do naufraxio do barco Ariete e do rescate de todos os que ían nel por parte dos veciños de Lira. A xornada dominical do encontro comezou cun severo repaso a algunhas actitudes de intervención no territorio por parte das institucións. Xosé Lois Carneiro, responsable da productora de animación Limaia explicou primeiro as dificultades de sustentar unha empresa como a del nun municipio rural da Limia ourensá e logo indicou algúns dos desastres provocados pola falta de orde ou pola planificación errónea da ordenación do territorio galego. Carneiro explicou con detalle o que calificou como «despropósitos» na concentración parcelaria da Limia ao tempo que indicou que a recuperación da lagoa «é posible». O debuxante Miguelanxo Prado interviu para explicar algunhas das características da súa obra e para ofrecer como primicia o tráiler da película de animación en dúas dimensións que está a realizar en colaboración co músico, tamén nas xornadas, Nani García. Prado asegurou, facéndose eco do título da convocatoria deste ano das xornadas, que «a tradición está aí para que os creadores fagamos con ela o que poidamos, podemos roubala, podemos utilizala e logo xa se verá se nos podemos incorporar a ela». O artista sostivo tamén: «Un exceso de respecto pola tradición é paralizante para os creadores e quizais por iso sempre considero que a relación entre a tradición e o creador ten que servir para que o segundo altere a primeira, porque senón a tradición sería sempre unha mesma cousa e non unha liña que cambia co tempo». Aínda que «non paso moito tempo estudiándome», o debuxante máis internacional que deu Galicia indicou algunhas das formas que se van repetindo nas sucesivas épocas do seu traballo: os gatos, os violoncellos, a mestura de espazos imaxinarios con outras que poden ter unha leve correspondencia coa realidade. Miguelanxo Prado defendeu que «a memoria particular é fundamental na creación ata para cousas que non me pasaron pero que son imaxes que incorporei».