ARA SOLIS | O |
28 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.NON SEI POR QUE se queixa a xente das retencións das fins de semana en Coristanco. Todo é aproveitar o tempo; eu, o venres, aproveitei para fumar un par de cigarriños, falar coa filla sobre as clases de música no conservatorio de Carballo e reflexionar acerca do que viña escoitando na radio sobre os bispos e o matrimonio entre homosexuais. A curia segue coa teima de querer darnos clases de moral (da súa, claro está); esa moral que discrimina á muller e deixa que milleiros de persoas morran de Sida por non pecar poñendo un preservativo, tendo como único argumento unha suposta «natureza humana» sen decatarse de que o máis natural que hai no ser humano é non ser natural, é que o matrimonio é unha institución cultural onde o único natural sería a procreación... e algúns deles ben saben que para ter fillos non fai falla casar. Igual aos que si estamos de acordo coa democracia e a liberdade dos individuos, aos que non cremos na discriminación baseada nunha suposta lei de Deus, aos que cremos na razón e na igualdade de sexos... nos acaban excomungando e nos mandan ao inferno. Claro que non sería de todo malo, seguro que alí abaixo nos poñemos morados de tanto «pecar» con sexo, cubatas e rock and roll.