ARA SOLIS | O |
19 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.EN CORCUBIÓN andan na procura da pluma de San Marcos da Cadeira. Debeu levala alguén que necesitaba escribir algunha poesía estilo Santa Tereixa de Xesús ou Frei Luís de León, pero non se ten noticia de que ninguén chegara a tan altos cumes da lírica relixiosa na nosa bisbarra, aínda que é ben certo que hai que loubar a calidade de varios dos poetas da Costa da Morte. Algúns dos que chegaron a pertencer ao xa desaparecido Batallón Literario teñen publicados libros ben fermosos. Con respecto da pluma do San Marcos, houbo boas ofrezas de recompensa a quen devolvese tan preciado obxecto, pero segue oculta. Nos últimos días cobrou forza o rumor da desaparición da coroa de ouro da Virxe de Fátima de Cambeda (Vimianzo). Os fregueses pregúntanse onde pode andar tan preciado adorno da imaxe. Mesmo o crego seica pediu na misa que se alguén sabe dar cadra dela que o diga. ¿Será un andazo? ¿Un exceso de devoción? Hai xente á que lle chega coa estampa dun santo para ter cuberta as necesidades da súa fe. O que xa é máis dudoso é que detrás da desaparición da coroa haxa só paixón relixiosa.