A opresión e a humanística

A. MENDES BUXEIRO

CARBALLO

TRIBUNA ABERTA | O |

11 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

É UNHA ledicia para unha minoría, á que me incorporei aos 21 outonos, cal vos é a dos/as homosexuais autoconciliados, que algúns pedestres alcaldes do Fisterra mediterráneo, teñan como obriga facer o ridículo, a prol da cohesión dos seus clans. Certo que do 20% de lesbianas, gais, e bisexuais tedentes maiormente á homosexualidade, que para ira dos beatos, estamos ordinariamente integrados na cidadanía da Costa da Morte, isto de que silvestres alcaldes non aplaudan a promulgación universal dos dereitos humanos, no seu exercicio de rexedores é unha cuestión que non ocupou o noso evoluír electoral. Cousa que me chistou menos é que teñan a pouca homía de dicirnos que non nos casan por razón de fe. Porque a fe en ningún caso se opón á declaración universal dos dereitos do home, que é o que nos trouxo aquí, a esta lei de avance horizontal de Occidente. Esa fe, que se sinala como atranco, para o civismo que a miña minoría impón aos -circunstancialmente populares- pedestres alcaldes, évos a absurda orde natural, que prohíbe o acceso ás cidadás saudíes á educación, mesmo para o guiado dun coche, ou, a que vén impedindo aos maridos aprobar o traballo non doméstico das súas esposas, aló polo Perú. Esa fe empuñada contra os homosexuais hoxe non é outra que unha convención macroeconómica, anterior ao proceso revolucionario da Ilustración e allea ao humanismo, superable sen maior costa, que voltarlle ao cerebro o domicilio xurídico das sociedades que a teoloxía católica obrigou a exilar nos xenitais. Posto que só discorrendo cos pés ou órganos sexuais se pode aventurar a teoría do natural para o deslexitimado do matrimonio homosexual. Nada a ver co presente europeo, mais consuetudinario valor engadido da economía de medio mundo, contra o removido do cal, no Marrocos, veñen os machiños daqueles pagos de erguer unha contestación política sen precedentes no Magreb, como é a revisión do statu quo da familia impulsado polo seu monarca, coa que á muller daquel Estado se lle tolerou un paso adiante na historia da súa civilización. Sociedade enferma A sociedade da Costa da Morte é, asemade, unha sociedade enferma non allea ao que temos en volta, un Estado enfermo. De ningún outro xeito podería ser que un 80% do seus cidadáns se divirtan facendo mofa, agredindo, vexando ou confrontando a integridade do gai universal, mais que isto non obstaculizase darlle o noso nome a algunhas rúas, patentar algún adianto tecnolóxico ou mesmo facer de bufóns do democrático deporte do zaping. Unha sociedade que condea a un 20% dos seus membros ao inferno que vivimos no ensino primario e secundario, á degradación nos centros de traballo, á violenza festiva nos centros de ocio, e ao oprobio na vida veciñal, é sen o dubidar, unha sociedade enferma, cal patoloxía atranca, o evoluir horizontal dos pobos que a vertebramos. Aínda así, a minoría homosexual autoconciliada na que milito celebra a incontinencia destes alcaldiños, posto que grazas a que unha das faccións acreedoras da falaz reserva espiritual de Occidente, que soerguen o axente España como concepto do sagrado, non dispuxo de maioría absoluta para administrarnos, só grazas a isto, tivo que tramitar esta lei que aos homosexuais recoñece cidadanía plena.