Nai

ELISA ÁLVAREZ CASAIS

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

02 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

«MIÑA NAI, miña naiciña, coma miña nai ningunha». Eche ben certo. Non sei, non atopo un agasallo que non pareza ridículo, para lle facer a esa muller que un día me dou a vida. Imposible estar á altura de tamaño agasallo. Esa que me levou no seu seo nove meses, que me pariu con dor, naqueles tempos nos que aínda non habia anestesia epidural. Esa muller, que sempre contra vento e marea confiou nas miñas posibilidades e dende ben pequena me empuxou a dar os meus primeiros pasos, a facer as contas cando saía da escola, agardándome cun bocadillo de nocilla na porta da cociña. Aquela que me compraba un vestido novo para estrear todas as xunqueiras; aquela que me librou dunha boa cachada, aquela primeira noite de verán que cheguei tarde. Non hai presente que estea á altura desa muller que cociña mellor que ninguén, que non cansa de escoitar as mesmas aventuras sen poñer cara de aburrimento, que se acorda de nós cando estamos lonxe, que non se apartou do meu leito aquela vez que a gripe fixo mil estragos e a febre me fixo delirar. Esa muller que sempre está aí ao meu carón. Para todas as nais e, sobre todo para a miña, porque se me o permiten e como comprenderán, coma miña nai, ningunha.