A tradición compostelá

La Voz

CARBALLO

Se peregrinos de todas as épocas e lugares se achegaron de Santiago a Fisterra non é por casualidade. A vinculación xacobea que existe entre estes dous lugares ven recollida no afamado Códice Calixtino. No libro terceiro recóllese a vinculación que ten Fisterra coa tradición xacobea, a través do capítulo da translación do corpo do apóstolo. Nel nárrase o paso dos discípulos por Dugium, localizado como o Duio fisterrán, mandados pola raíña Lupa para pedirlle ao seu rei un lugar para sepultar ao seu mestre. Esta herdanza xacobea tamén se recolle na igrexa de Santa María das Areas, dispoñendo unha das súas portas, como a Porta Santa. Repite así a fórmula da catedral Compostelá, abríndose tan só nos anos santos. Esta porta, situada no muro norte, encóntrase enmarcada con un arco mixtilíneo e flanqueada con dous escudos e coroada por unha cruz. Esta porta é herdeira da tradición manuelina collendo como modelo ás dos claustros do Hospital Real de Santiago. Santa María das Areas conforma un símbolo da lenda xacobea. Fisterra pecha un círculo que vai de Santiago e de aquí a Muxía, onde namorados do camiño seguen o seu andar para ver á Virxe de Barca, e ao revés. Pechando este círculo está Fisterra, o último destino para camiñantes que cos seus pés percorren o camiño que os levará ata o fin da terra.