ARA SOLIS | O |
22 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.AURELIO ERA un labrego sabio que nunca lle fixo mal a ninguén. Sabía de memoria moitos dos diálogos que Sócrates mantiña cos seus discípulos e máis era quen de citar párrafos enteiros da Política de Aristóteles. Aprendéraos nos libros de Filosofía dun amigo seu da infancia que estudara no seminario para crego e que acabou sendo capitán do Exército por reenganche despois da guerra. Dudo que na contenda civil Aurelio lle disparase a algún contrario, non por cobardía, senón por non facer dano. No hospital ensináballe a ler aos combatentes feridos e xa non tivo que volver ao fronte. Xa na súa aldea, o labrego sabio tiña o carro máis cantareiro da volta. Facía zocos, cestos e palleiros. Eran os mellores da parroquia. Ensínaballe aos rapaces a facer palleiros e a fumar. Estaba convencido de que os adolescentes tiñan que fumar un cigarro, beber un vaso de viño e botar unha conversa sobre filosofía para ser homes. Aurelio tiña dúas paixóns. O Deportivo, ao que na quiniela sempre lle poñía que gañaba, e máis as películas de Ava Gardner. O que máis lle gustaba desta muller eran os peitos. Morreu unha tarde de domingo xogando ao tute. Ía a trunfar cun cabalo de copas. Os que o coñeceron aínda teñen un oco na memoría para el.