Fervenzas

A. MARTÍNEZ

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

22 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

XA EMPEZABA eu a pensar que na Férveda de Entrecruces ía pasar coma no Ézaro, onde, para ver o espectáculo da desembocadura do río Xallas en forma de cascada, hai que ir os domingos de doce a unha, e non todos, porque ao mellor non se abren as comportas e quedas coas ganas. Pero non. Na fervenza carballesa seguirán fluíndo os dous regueiros do Outón que tan característica a fan, e que, salvando as distancias e o caudal, tamén constitúen unha imaxe digna de plasmar para sempre na retina. A Consellería de Medio Ambiente decidiu, por fin, dar resposta á solicitude de aproveitamento enerxético presentada fai case catro anos. E dixo que non. Non era que se esperara outra cousa, sobre todo despois das mobilizacións sociais que ten provocado a defensa da férveda e, especialmente, despois do abraiado que se manifestou Xosé Manuel Barreiro pola paisaxe na súa recente visita a Entrecruces. Deste xeito, Carballo vai conservar, esperemos que para sempre, unha das paraxes máis singulares e fermosas do seu territorio. Ao fin e ao cabo, a enerxía que ía producir non sería tanta e, por suposto, tampouco ía rematar cos problemas de suministro eléctrico, que non son poucos, que afectan a esa zona.