«Hai que coller o mellor das culturas para integrarse ben»

La Voz S. G. | CARBALLO

CARBALLO

Entrevista | José Antonio Costa Abelenda Natural de Coristanco, a vicepresidenta é da Laracha

19 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

O Centro Galego de Berna é un dos máis vellos de Suíza, xunto con outro de Xenebra. Acaba de cumplir 35 anos da súa existencia, boa parte dos cales a súa presidencia estivo ocupada por Francisco Areosa, de Bértoa, en Carballo. En realidade, é moi habitual que nas máximas responsabilidades dos abondantes centros galegos espallados polos cantóns de Suíza haxa xente de Bergantiños, Soneira ou Fisterra, lista na que habería que incluir tamén a Cerceda e Tordoia. Tanta, que ás veces sorprende semellante participación. No caso da capital helvética, pasa o mesmo. Marchou un carballés e acaba de ser elixido un coristanqués de 30 anos que leva aló desde os 16. Na vicepresidencia está unha moza da Laracha. Todo un cambio xeracional, agora que a reforma das pensións vai traer para España a moitos emigrantes da primeira xeración. -¿Cales son os seus obxectivos? -Impulsar a asociación, que saia para adiante, e tratar de aglutinar ás que hai en Berna. Quero poñer todo ao día e concitar unidades. -¿E meter a xente nova? -Desde logo. Hai moitos centros nos que os mozos apenas participan, parece que é máis cousa dos primeiros que chegaron. Nós queremos atraer á segunda xeración, porque a outra marchará, na súa maior parte, de aquí ao 2007. -Vostede está na zona alemana, na que din que é máis difícil a integración. ¿Como foi a súa? -Eu non teño ningún problema, e nunca o tiven. Aprendín a lingua, relaciónome con xente de aquí, saio, falo cos galegos e cos suízos. Eu creo que hai que coller o mellor das dúas culturas para integrarse ben. Aos nosos pais costoulle, pero tamén hai novos aos que lles costa moito adaptarse. Pola miña parte, eu teño unha empresa de decoración, a miña muller ten unha empresade viaxes, e non nos podemos queixar. Non temos pensado voltar axiña. -¿Vívese ben en Suiza como sempre se dixo? -Isto xa non é o paraíso. En realidade, penso que nunca o foi, pero non se pode negar que se vive ben. Tamén hai que ter en conta unha cousa: hoxe non hai as diferenzas entre España e Suíza que había hai anos, así que o cambio non se nota tanto.